No mes de novembro de 2019 publicábamos neste blogue un artigo no que se da conta da coñecida coma batalla de Altamira (13 de xuño de 1471). Nela enfróntanse as mesnadas do arcebispo compostelán Alonso II de Fonseca na contra da liga antifonseca composta polo máis grande da nobreza galega (https://elgajedeloficio.wordpress.com/2019/11/11/de-como-o-arcebispo-alonso-ii-de-fonseca-perdeu-o-seu-pendon/), e entre eles atopamos a Lope Sánchez de Moscoso.
Fatídica xornada para o prelado obrigado a fuxir do campo de batalla xunto o seu irmán Luis de Acevedo e Fonseca, e deixando atrás o pendón que cae nas mans dos seus inimigos. De todolos xeitos, días despois, o dito pendón aparece unha noite sobre o altar da catedral de Santiago (Galbán, 2015). Unha mensaxe, quizais unha ameza, da nobreza para que o arcebispo teña ben presente a sinxeleza coa que poden acceder ao corazón da cidade.
Un novo episodio dos conflictos entre o arcebispo e a liñaxe dos Moscoso atopámolo no castelo de Vimianzo (A Coruña). O castelo de Vimianzo é a xoia da coroa dos estados dos Mocoso.
Está formado por unha muralla de planta poligonal rodeada por un gran foxo, catro torres de planta rectangular, patio de armas e outras dependencias. Das catro torres só a da homenaxe e parte da muralla conservan a ameaxe orixinal constituída por matacáns con seteiras, sobre modillóns, cubertos polas ameas (…). As outras torres comunícanse polo camiño de rolda; á súa vez, unha escaleira de pedra acaorada ó muro comunícaas có patio de armas. (…) as zonas máis antigas do castelo poderían datar do século XIII (Varela, 1999).

Lope Sánchez de Moscoso e Ulloa é aclamado como xefe da liñaxe tralo falecemento en 1467 do seu tío Álvaro Pérez de Moscoso e dende Castela emprende viaxe a Galicia para facer efectivo o dito nomeamento. Á súa chegada atopa que as fortalezas dos seus estados foran derrocadas pola Santa Irmandade e carecía de casa onde acollerse.
Ademais hereda as tensións có arcebispado compostelán posto que moitas das rendas e do poder territorial da familia apousentanse sobre propiedades e rendas da mitra. Por outra banda logo da batalla de Altamira as as tropas vencedoras adícanse un tempo ó saqueo das terras do arcebispo. Alonso II de Fonseca non vai a manterse ocioso, e deseguida emprende unha campaña para recuperar éstas. Unha das accións acometidas é a ocupación do castelo de Vimianzo:
Entre tanto juntó el patriarca su gente, y fue a levantar la fortaleça de Bimianço, que también yaçia derrocada y era del conde Lope Sánchez en medio de su tierra. Y dejó allí el arçobispo por alcayde a Juan Mariño de Lovera, que era de antigua cavallería, y dejole quarenta peones quales él quiso escoger, y él se fue a Santiago… (Aponte, 1986).
Diante desta afrenta o de Moscoso decídese a actuar e retomar a fortaleza pola forza das armas. Unha vez máis a liga antifonseca volve a xuntarse para axudar ó seu aliado. O 3 de novembro de 1470 o máis escollido da fidalguía galega (Pedro Álvarez Osorio, Juan de Zuñiga, Sancho de Ulloa, Pedro Álvarez de Soutomaior, Lope Sánchez de Moscoso, Diego de Andrade, Suero Gómez de Soutomaior e Diego de Lemos) decide asinar un pacto defensivo na contra do prelado. Comprométense a acudir no auxilio do asinante que o requira coas súas mesnadas de balde durante un mes e a razón de 20 maravedíes por lanza. Por suposto non poden aliarse cós seus inimigos: O arcebispo e a marquesa de Astorga, devolver os señoríos recuperados ós seus donos e ofrecer xuramento e preito homenaxe mútuo (García, 1999). O 20 de febreiro de 1471 van a ratificar o acordo en Carboeiro uníndose desta vez ós coaligados o Adiantado Maior de Galicia Fernando de Pareja (García, 1999).
Grazas a esta alianza o de Moscoso reclama a axuda dos seus membros coa idea de recuperar a fortaleza de Vimianzo. Reunidas as hostes señorais achéganse ata o castelo e esixir a súa devolución a don Lope o cal intitulábase coma I conde de Altamira.
Fronte ós muros do castelo instan ó alcaide Juan Mariño de Lobeira a abandoar Vimianzo respetando a súa vida e a dos seus homes; do contrario non vai atopar clemencia.
Respondioles que bien podía morir, pero que lo que él prometiera a su señor el arçobispo que lo havía de atender. El alcayde tenía consigo buenos quarenta peones, muchas ballestas, unas de hombres de a pie y otras fortes, lanças, escudos, cascos, coiraças; espingardas e tiros de fogo no tenían (Aponte, 1986).

Contrariados pola resposta obtida do alcaide, os conxurados deciden tomar o castelo ó asalto. As hostilidades comezan a mediodía con grande profusión de béstas arredor da cerca. Mentres uns soldados armados con astas longas rematadas en garfos tratan de derrubar as ameas; outros apoian escalas sobre os muros e tratan de alcanzar o interior do castelo. Mais polo visto, todas estas acometidas non conseguen o resultado desexado.
De súpeto un escudeiro bótase contra as portas da fortaleza armado cun machado e comeza a bater nelas para derrubalas:
…tomó un fieltro mojado y vestiolo por ençima del capaçete (…) porque las ballestas fuertes no pasaban el fieltro (Aponte, 1986).
A fazaña deste escudeiro resulta primordial posto que grazas a súa temeridade, e chegada a noitiña, a porta é derrubada e as forzas da liga antifonseca conseguen penetrar ó interior do castelo. Finalmente a ameaza de pasar a coitelo ós defensores non se cumpre e a vida dos superviventes é respetada agás a dun peón chamado Fernando de Ginzo: …no sé por qué Lope Sánchez le quería mal y mandolo aorcar (Aponte, 1986).

O aterrado soldado é arrastrado ó patíbulo mentres a berros e o escarnio dos alí congregados prega á Nosa señora de Guadalupe que o zafe da morte. Neste intre ingresamos no mundo do lendario, do fantástico… Cando xa pendura da corda o incauto, sobreven un forte ballón que creba a corda e o peón consegue esbarar entre os dedos da morte.
Fernando de Ginzo fuxe ó monte e xa de noite acóllese á casa dun amigo. Éste non se atreve a franquearlle a porta: Compadre, no ayas miedo; cata que soy vivo, que Santa María de Guadalupe me libró (Aponte, 1986); ao convenceo o fuxido e alí danlle acubillo.
En agradecemento á Santa, Fernando de Ginzo marcha coma romeiro a Guadalupe (Cáceres) onde permanece durante un ano y se bolvió para su casa, y vivió algunos años, y falava ronco, andando esganado de la corda (Aponte, 1986).
O I conde de Altamira xuntou ós seus aliados vai desprazarse ata a fortaleza de Mesía (A Coruña) pertencente a Gómez Pérez das Mariñas, tamén ocupada polas hostes do prelado compostelán.
Fontes
- Aponte, Vasco de, Recuento de las casas antiguas del reino de Galicia, Santiago de Compostela, 1986.
- García Oro, José, Galicia na Baixa IdadeMedia. Igrexa, señorío e nobreza, Noia, 1999.
- Varela, Paz, Castelos e fortalezas de Galicia, Vigo, 1999.
Sergio Balchada