Balchada Outeiral, Sergio
Deputación de Pontevedra, 2022


Cando a primeiros de outubro de 1936 os milicianos do batallón CNT n.º 1 Bakunin se instalaron en Amurrio para ocupar posicións na fronte arabesa non pasaron desapercibidos entre a poboación local, entre outras cousas, polo acento galego de moitos dos seus compoñentes.
A presenza de milicianos oriúndos de Galiza no Euskadiko Gudarostea, ou Exército de Euskadi, de feito, non foi anecdótica. Aínda que non se pode asegurar o número preciso destes, a cifra supera moi posiblemente os 2000 efectivos. Ademais de no mentado batallón Bakunin é notoria a participación galega nalgúns do outros 75 batallóns que completan as forzas vascas, por exemplo, o Celta, que solicitara unha bandeira “que llve como emblema algo que simbolice a rexión galega”, petición feita polo capitán Manuel Lampón Ríos (A Pobra do Caramiñal) e o tenente José Paz Davila (galego, mais sen confirmar o seu lugar de procedencia).
Os capítulos do libro tratan temáticas como ‘Trintxerpe. A quinta provincia galega’, ‘Guipuzkoa. Ás barricadas’, ‘José Echeverría Novoa. O galego que puido ser lehendakari’, ‘Bilbo. A formación dos batallóns’, ‘A mariña auxiliar de Euskadi. Os galegos que morreron na batalla de Matxitxako’, ‘ 31 de marzo de 1937. O principio da fin’, e finalmente ‘Despois de Santoña. Unha longa noite de pedra’.