Etiquetas

, , ,

Tralo triunfo do golpe de estado na Galiza moitos son os partidarios da Fronte Popular que non poden acadar o territorio controlado pola República e fican atrapados tralas liñas dos seus inimigos ideolóxicos. Nembargantes ao comezo do conflito algúns conseguen fuxir vía marítima e recalar en portos leais asturianos e vascos para integrarse no Exército Republicano, ou mesmo por terra, sobre todo dende as provincias de Lugo e Ourense.


Para os que non teñen a oportunidade de facelo só lles restan poucas alternativas: Agocharse, botarse ao monte ou incorporarse ao Exército sublevado. Deste xeito teñen a oportunidade de esquivar a feroz represión desatada na retagarda galega e ademais tentar evadirse ou pasarse a campo republicano onde proseguer a loita, mais desta volta no bando que sostén a súas ideas.
Pola fronte de Euskadi van a ser numerosos os galegos que se arriscan a tomar esta perigosa vía para loitar cós seus correlixionarios.

Lectura do bando de guerra en Vigo. 20 de xullo de 1936 (Blogue Os Anos do Medo)



Os xornais locais recollen a cotío novas que nos falan de soldados galegos que conseguen pasarse ao Exército de Euzkadi correndo todo tipo de peripecias antes de acadar as liñas leais. Porque non resulta sinxelo, primeiro tomar a decisión e logo poñela en práctica. Son coñecedores que se xogan o pelello posto que de seren descobertos agardaos o piquete de fusilamento. A deserción págase coa morte. Se son capturados saben que lles agarda a execución sen xuizo prefvio. Por outra banda, en moitas ocasións, deixan á familia en territorio inimigo e éstes poden ser obxecto de represalias por parte das novas autoridades. Non é sinxelo atreverse. Mais unha vez tomada a decisión deben actuar con suma cautela. Unha verba de mais, un comentario depositado no ouvido errado pode ter consecuencias mortais. Moitos dos soldados son estreitamente vixiados. Son ideolóxicamente sospeitosos e polo tanto son vixiados de continuo.


No mesmo intre de levar a cabo a acción as opcións de ser tiroteado dende un ha trincheira ou outra son bastante elevadas. De feito as ordes son terminantes contra os desertores: Abrir fogo sen miramento. Pola outra banda pode confundirse ao pasado cunha avanzada inimiga, un espía ou a punta de lanza dun ataque e morrer tiroteado na tentativa.
Os xefes militares golpistas non se fían dos soldados galegos e existe unha razón para albergar esta desconfianza: O número de pasados ou evadidos oriúndos desta rexión é alarmante. Mesmo os hai que regresan a casa (Corral, 2006). A frecuencia coa que se dan as evasións na fronte de Araba leva ao tenente coronel Camilo Alonso Vega, xefe militar alzado na provincia de Araba, a dirixir un escrito a Burgos para denunciar unha práctica que xa lle preocupa en exceso. Nas unidades despregadas as desercións afectan maioritariamente a soldados galegos e cataláns. O militar aduce para explicar as causas:

a una gran propaganda oculta en la retaguardia (Seidman, 2003).

O 12 de abril o xornal La Lucha de Clases publica un artigo baixo o suxerente título: En siete meses se han evadido del campo enemigo, en territorio de Euzkadi, 294 soldados. O texto vai mostrando por rexións e provincias as localidades de orixe dos evadidos para a continuación mostrar a arma do Exército na que serven ata a súa evasión. Tamén faise mención a súa filiación política ou sindical. No caso galego a contabilización deixa entrever, seguido moi de preto por Castilla La Vieja, o alto número de evadidos con respecto a outras áreas do estado.


Como indicamos con anterioridade nos diferentes xornais vascos aparecen continuas referencias a pasados das que imos reproducir unhas cantas:
De las posiciones enemigas del monte Gojain, en el frente alavés, escaparon a las dos de la madrugada cuatro soldados del batallón Bailén (…) dos gallegos, llegando a nuestras avanzadas (…) sobre las ocho de la mañana. (CNT del Norte, 2/01/37).
Rosendo Cidre, de Lugo, prestando servicio militar en Pamplona cuando estalló el movimiento rebelde, se ha pasado a nuestras filas a sabiendas de que se le iba a fusilar. (…)Perteneció a la C.N.T. en Lugo.
(…) Se pasó por la parte de Mondragón, después de haber sufrido un tiroteo de su compañero de centinela al que puso cuando dormía una gran piedra sobre el capote para que no se pudiera mover
(CNT del Norte, 9/03/37).
La mayor parte de los facciosos, pasados a nuestras filas son de procedencia gallega, que se encontraban en Logroño y Burgos (Euskadi Roja, 3/12/36).
En Nafarrate lo hicieron esta mañana otros trece soldados, en su mayoría gallegos, recientemente incorporados a este frente (El Pueblo Vasco, 4/12/36).

(EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11)


Entre o 27 de abril e o 17 de agosto de 1936 a Sección II (Información) del Estado Mayor del Cuerpo de Ejército de Euzkadi elabora unha serie de informes en base as declaracións de evadidos de campo faccioso. Moitos destes evadidos son de orixe galega. A información facilitada por eles achéganos interesante e variada información, dende como son recrutados e onde son trasladados posteriormente; a súa experiencia no bando sublevado ou cómo se viven os tempo de guerra na retagarda galega. Ademais aportan á Sección II datos de natureza militar sobre o inimigo: Movemento de tropas, unidades acantoadas na fronte; ubicación e calidade da artillaría, moral dos soldados… De tódolos xeitos tampouco debemos tomar ao pé da letra a meirande parte desta información xa que semellan máis ben azueiras ca testemuños veraces.


Durante o mes de abril de 1937 a Sección II (Información) del Estado Mayor del Cuerpo de Ejército de Euzkadi da conta da evasión de campo faccioso de 12 individuos de orixe galega. Os 8 primeiros fano pola cota nº 64 do sector Gamiz-Olagorta (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11). Todos pertencen ao 8º batallón do Rexemento de Infantaría Mérida Nº 35. Os comprometidos abandoan as súas liñas ás 2 da madrugada do día 27 e conseguen acadar o seu obxectivo unha hora máis tarde. De todos eles 5 son orixinarios da provincia de Pontevedra e os 3 restantes da de Ourense. Segundo o informe remitido pola Sección II non levan enriba documentación que acredite, por exemplo, a filiación política á que algúns deles afirman pertencer. Dada a súa situación de evadidos do Exército golpista supoñemos como certa a súa filiación política esquerdista ou alomenos simpatías pola causa republicana:

  • Alonso Fraga, Amancio. Soldado natural de Ourense, labrego de 28 anos e afiliado á UXT.
  • Barrios Blanco, Rosendo. Soldado natural de Ourense, canteiro de 28 anos e afiliado á UXT.
  • Camiña Fernández, Bernardino. Soldado natural de Ourense, canteiro de 28 anos e afiliado á UXT.
  • Escudeiro Babiño, José. Soldado natural de Pontevedra, labrego de 28 anos. Afirma non estar afiliado a organización política ou sindical algunha.
  • García Barciela, Sergio. Soldado natural de Pontevedra, canteiro de 28 anos e afiliado á CNT.
  • García García, Perfecto. Cabo natural de San Salvador de Lérez (Pontevedra), canteiro de 28 anos. Sen filiación política.
  • Rial Costa, Bienvenido. Soldado natural de Pontevedra, carboeiro de 28 anos e afiliado á CNT.
  • Varela Mendez, Francisco. Soldado natural de Vigo (Pontevedra), canteiro de 28 anos. Non consta filiación política.

Tamén con data do 27 de abril, infórmase da evasión de 4 combatentes galegos desta volta pola parte de Butrón (Bizkaia). Todos eles naturais de Pontevedra e ao igual que os anteriores enrolados no Rexemento de Infantaría Mérida Nº 35 e tamén de 28 anos de idade. Ás 3 da madrugada é cando da comezo a súa aventura a cal remata ás 5 horas cando conseguen chegar a terreo controlado polas forzas vascas (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11).
Trátase dos seguintes mozos:

  • Estévez Pérez, Manuel. Cabo de profesión marmorista e afiliado á CNT.
  • García, José Jesús. Soldado afiliado á CNT.
  • Lameito Carruza, Manuel. Sen significación política ou sindical.
  • Vélez García, Enrique. Sindicado na CNT.
http://www.kionais na fronte vasca (Fototeka Kutxa, Fondo Pascual Marín)

Ás 18 horas do 27 de maio de 1937 3 soldados do Batallón Cazadores de las Navas Nº 2 cruzan a terra de ninguén e apreséntanse ás forzas vascas apostadas na fronte de Orduña (Bizkaia). Un dos tres evadidos é de orixe galega e o segundo é natural de Torrelavega (Cantabria). O terceiro dos desertores, do que non trascende o seun nome e orixe, fue muerto al observar la fuga por sus compañeros (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11). No tocante ao evadido galego, éste trátase de:

  • Alén Pérez, Valeriano. Nado en Tui (Pontevedra) de 22 anos e de profesión tipógrafo. Afiliado á UXT.

Un novo informe datado o 29 de maio de 1937 da conta dunha nova evasión do lado franquista de dous soldados do Rexemento de Infantaría Mérida Nº 35. Non consta o lugar nin as circunstancias da evasión. Trátase de (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11):

  • Fernández Ferrón, Serafín. Natural de Cotobade (Pontevedra) de 28 anos de idade e xastre de profesión. Afiliado á CNT.
  • Vidal Ledo, Manuel. Natural de Campo Lameiro (Pontevedra). Chófer de 28 anos de idade e afiliado a Esquerda Republicana.

Ás 21 horas do 29 de maio do 37 abandoan as súas posicións outros dous combatentes forzosos galegos, chegando ás 23 horas ás posicións republicanas de Fika (Bizkaia) (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11). Pertencen ao 9º batallón do Rexemento Zamora Nº 29:

  • Campos Purriñas, José. Soldado de primeira natural de Betanzos (A Coruña), músico de 26 anos e afiliado ás XSU (Xuventudes Socialistas Unificadas).
  • De la Fuente Paniagua, Luis. Cabo natural de Monforte de Lemos (Lugo) e veciño de León. Mecánico de 21 anos e afiliado ás XSU.

Acompáñaos o zamorano domiciliado en na Coruña Francisco Boyero Chausal.
Xa o 1 de xuño evádese ás 20 horas polo sector de Meñaka (Bizkaia) (acada chan republicano ás 3 horas do día 2):

  • Garrido Vuela, Ramiro. Soldado do Rexemento de Infantaría Mérida Nº 2. Natural de A Estrada (Pontevedra). Labrego de 28 anos e afiliado ao PSOE.

Dous días máis tarde fai o propio Novegil Casal del Río, Benito. Soldado do Rexemento de Infantaría Mérida Nº 35 onde prestaba servicio militar coma soldado. Natural de Santa María de Xeve (Pontevedra), albanel de 27 anos. Non está afiliado a organización política ou sindical.
O 4 de xuño apreséntanse ás 5 horas nas avanzadas de Olagorta-Gamiz (Bizkaia) tres novos recrutas de orixe galega os cuais serven no Rexemento de Infantaría Mérida Nº 35 (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11).

  • Cobas Pichel, Nemesio. Oriundo de Xeve (Pontevedra), de 27 anos e afiliado á UXT.
  • Escudero Blanco, Máximo. Labrego de Meaño (Pontevedra) de 27 anos e afiliado a Esquerda Republicana.
  • Pazos Fontela, Francisco. O cabo natural e veciño do pontevedrés barrio de O Burgo. Fontaneiro de 27 anos e afiliado a Esquerda Republicana.

Ao día seguinte tamén polas posicións avanzadas de Olagorta pásanse 7 combatentes da 1ª Compañía do 8º batallón do Rexemento de Infantaría Mérida Nº 35. A pesares de que non se indica en ningún caso a procedencia galega dos mesmos os seus apelidos e que se enganchasen á unidade en Vigo fan presumible a súa orixe galaica e moi probablemente nados e veciños da provincia de Pontevedra. Todos aseguran estar afiliados ao PSOE.

  • Barreiro Serantes, Ramón. Soldado.
  • Chantada Barro, Manuel. Soldado. Podería tratarse de Manuel Chantada Barros, primeiro tenente de alcalde de Meis (Pontevedra) cando se produce o golpe de estado (https://anosdomedo.blogspot.com/). Nos respectivos informes da Alcaldía e da Garda Civil apúntase a súa ideoloxía esquerdista e a súa participación xunto con outros camaradas en reunións de cara a frear o alzamiento.
  • Durán Alonso, Manuel. Soldado.
  • Hermida Solla, Julio. Soldado.
  • Malvar Cota, Urbano. Cabo. No blogue http://www.buscameenelciclodelavida.com/ atopamos a un tal Benjamín Malvar Cota nado en A Barcia do Seixo (A Lama, Pontevedra) polo que non descartamos en ámbolos dous poidan ser irmáns.
  • Rodríguez Mosteiro, Juventino. Soldado.
  • San Juan Gesteira, Manuel. Soldado.
La Lucha de Clases (12/04/37)

Perdida xa Bizkaia aínda temos un derradeiro informe dun mozo galego acollido por milicianos do Exército de Euskadi. A evasión ten lugar o 16/1071937 por Talledo (Castro Urdiales, Cantabria). Pertencente ao 6º Batallón do Rexemento América Nº 23 acantoado en Artziniega (Araba). No seu poder áchase un salvoconducto asinado polo comandante Miguel Esquiroz para que poida desprazarse a Bilbo para desfrutar de 4 días de permiso. Aproveita esta situación para pasarse a campo da República.

  • Moldes Álvarez, José. De 25 anos e natural de Vilanova (O Barco de Valdeorras, Ourense).

O sublevación sorprendeo en A Rioxa onde traballaba nas tarefas da sega e alí foi mobilizado en agosto de 1936. Se ha pasado a nuestras filas porque tuvo noticias por su madre, que vino a Bilbao a verle, que le estaban buscando las autoridades de su pueblo porque había sido Vicepresidente del Sindicato de Obreros y Campesinos, y como sabía de varios casos en que han sido retirados de los frentes soldados pertenecientes a partidos de izquierda, que han sido fusilados, decidió venir a nuestras filas. (…) el ordenanza del general Gamir llamado, José Rodríguez Fernández le conoce por ser de un pueblo vecino y responde de él (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L. 520, Nº 01).


En tódolos casos os evadidos respostan a unha serie de preguntas tipo de índole militar que tentan pescudar a forza do inimigo na zona en cuestión,a calidade das fortificacións coas que conta e a moral da tropa. Nesta derradeira cuestión en cada caso analizado as respostas son similares. Sirva coma exemplo:
La moral entre la tropa es muy baja y opinan que en el caso de que nuestras tropas avanzaran se pasarían muchos a nuestro campo, pues todos ellos se baten ante el temor d ellas represalias y castigos de la oficialidad (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11). De tódolos xeitos estas afirmacións quizais habería que tomalas con calma.


Outra cousa interesante son as informacións vertidas sobre a retagarda galega. Como é o día a día nunha terra lonxe da fronte e dominada polos fascistas dende ben cedo. Alusións a recrutamentos, a ruta tomada para chegares á fronte vasca, descargas de material de guerra extranxeiro nos portos galegos, o medo que corroe poboación ou mesmo motíns e revoltas para tratar de subvertir a situación abafante baixo a bota militar. A existencia de grupos armados nos montes galegos cuias accións e golpes de man proporcionan bos quebradorios de cabeza ás autoridades.


Cabe salientar que en todas as exposicións dos evadidos alúdese ao feito de que viaxen de Vigo (no caso dos recrutas da provincias de Pontevedra e Ourense) ata Vitoria desarmados. A razón esgrimida para tal feito é o medo das novas autoridades á posibles motíns protagonizados polos quintos, non deben fiarse moito dos soldados galegos. Xa na capital arabatarra son equipados e parten cara á fronte de guerra.

Gudaris cerca de la cima del monte San Pedro Beratza de Orduña, seguramente en 1936. Julio del Cerro (Ayto. de Urduña (Bizkaia)


Probablemente é o betanceiro José Campos Purriñas quen nos relata o caso ocorrido na estación de tren de Betanzos: En las quintas movilizadas existe un fermento de rebeldía que ya ha tenido algunas exteriorizaciones. En ocasión en que ciertas tropas eran conducidas al frente de Asturias se produjo en la estación de Betanzos una sublevación de las fuerzas expedicionarias. Los considerados como cabecillas fueron fusilados en el acto en la misma estación de Betanzos y en presencia de la tropa formada. Desde esa fecha el transporte de tropas gallegas a los frentes de Asturias, Santander y al frente vasco se realiza despojando a los soldados del armamento que luego se les vuelve a entregar cuando llegan al lugar respectivo (EAH/AHE. Secc. Información General (Secretaría General), L 519, Nº 11).
Xesús Torres Regueiro recolle este fito no informe que trata sobre as vítimas betanceiras durante o período da guerra. Segundo nos conta na edición do 16 de agosto de 1936 o xornal El Pueblo Gallego faise eco do fusilamento no mesmo andén da estación dun soldado por proferir gritos subversivos e exteriorizar sus ideas comunistas (Torres, 2006).


A fulminante ofensiva comezada o 31 de marzal do 37 para varrer a resistencia vasca. Á altura de xuño sitúase ás portas da capital viscaíña. Xa se cheira a derrota. Mais a pesares desta dramática situación a pingueira de pasados non se detén. Quizais son descoñecedores da realidade pola que está a pasar o bando inimigo. Quizais imponse o seu desexo de loitar polas súas ideas sobre o sentido común ou mesmo o sentido da supervivencia.


O 14 de xuño de 1937, 5 días antes da perda de Bilbo, nun contraataque vasco sobre o monte Lauro (Loiu, Bizkaia) tómase a posición collendo por sorpresa aos seus defensores, case todos galegos.
Los gallegos se prestaron a llevar a los heridos y a transportar los fusiles abandonados. Eran alrededor de 50 y hacía gracia verlos cargados con tres o cuatro fusiles cada uno. Se les dio de comer y se les ofreció la oportunidad de unirse a la República o quedarse allí esperando a los suyos. En la situación en la que estábamos no podíamos hacer otra cosa y unos pocos vinieron con nosotros, pero la mayoría se quedó esperando, pues decían que, estando las cosas como estaban, lo más seguro sería que les cogieran y entonces no lo iban a pasar nada bien (Uribe, 2007).
E estaban no certo porque aos desertores agardáballes o piquete de execución.

Fontes e Bibliografía

  • Euskadiko Artxiboa Historikoa/Archivo Histórico de Euskadi (EAH/AHE).
  • CNT del Norte.
  • El Pueblo Vasco.
  • Euskadi Roja.
  • La Lucha de Clases.
  • Álvarez Castro, Xosé Informes en https://anosdomedo.blogspot.com/ (Consulta o 3/01/2021).
  • Corral, Pedro. Desertores. La Guerra Civil que Nadie Quiere Contar. Barcelona, 2006.
  • Torres, María, Militares republicanos naturales y/o vecinos de la provincia de Pontevedra ingresados en hospitales valencianos (1936-1939) http://www.buscameenelciclodelavida.com/ (Consulta o 3/01/2021).
  • Torres Regueiro, Xesús, 1936-1939. As vítimas betanceiras da represión, Anuario Brigantino, Nº 29, 2006.
  • Uribe, Eduardo; Tabernilla, Guillermo (coord. y adaptación). Un Miliciano de la UGT. Bilbao, 2007.

Sergio Balchada