Etiquetas

, , ,

O día 20 de xullo de 1936 ás 18 hrs proclámase o bando de guerra na balconada da casa do concello de Marín (Pontevedra) (Velasco, 2006). Le o texto o capitán de corbeta do Polígono de Janer Pedro Nieto Antúnez. A pesares que o día 22 algúns militares leais ao goberno trata de apoderarse do complexo castrense a sorte está botada. Para moitos esquerdistas e sindicalistas da comezo unha longa noite de pedra: cadea, acubillos, gabias e chumbo.

Có devagar das semanas a meirande parte do territorio galego vai caendo nas mans dos sublevados ao mesmo ritmo que as esperanzas dos milleiros de contrarios ao golpe de estado. As esperanzas de contragolpealos ou mesmo de fuxir cara campo republicano esmorecen irremediablemente.

Controlada a vila de Marín dan comezo de inmediato as accións represoras contra todo aquilo que cheire a rojo. Malleiras e paseos fanse habituais nas noites estreladas do verán marinense. O medo atopa cabida en centos de fogares.

Selo do sindicato marinense da UXT (Fotografía en https://estacionatlantica.blogspot.com/)

Para fuxir desta situación, e nalgúns casos para ter a oportunidade de tomar as armas cos seus correlixionarios ideolóxicos, van a ser moitos os que se aventuren a probar fortuna en arriscadas fuxidas por mar. Unhas organizadas por un pequeno feixe de homes desesperados ás veces de xeito quizais precipitado. Outras son artelladas por unha rede clandestina como á organizada dende o porto e A Coruña polo sindicato cenetista El Despertar Marítimo (Pereira, 2010).

Dionisio Pereira ten estudiado polo miúdo os centos de fugas por mar dende os diferentes portos galegos. No caso de Marín Pereira ten pescudado cinco fugas das cuais só dúas están coroadas polo éxito (Pereira, 2010).

Do porto de Vigo-Bouzas tamén ten contabilizadas ata oito fugas, tres delas rematadas en fracaso. Unha das que tiveron éxito foi protagonizada por doce mariñeiros vinculados á CNT local (Pereira, 2010). Agás un deles nado e veciño de Marín e afiliado á uxetista La Alianza Marinera de Marín. Trátase de José Pepito Caeiro Casal (Pereira-Fernández, 2006) que desempeña funcións como maquinista do navío. A mediados de marzo de 1937 o arrastreiro Emilia Márquez con destino ao Gran Sol vai desviar o seu rumbo e recala no porto de Bilbo (Pereira, 2010).

José Caeiro consta o 16 de abril como miliciano do batallón Nº 65 CNT Nº 7 Internacional. O batallón créase en xaneiro do 37 para encadrar a loitadores de tódalas nacionalidades. Unha especie de brigadas internacionais que lamentablemente non vai prosperar. Sobre todo dada a filiación comunista da meirande parte dos combatentes extranxeiros que chegan a apoiar aos camaradas españosi na súa loita (Vargas, 1996). Deseguida se desbota esta idea e o Internacional vai cumprir o rol de batallón de reserva. Os seus membros irán cubrindo as baixas dos seis batallóns organizados con anterioridade pola CNT vasca. Quizais José Caeiro opta por engrosar ás ringleiras cenetistas seguindo aos seus compañeiros de fuxida. Non esquezamos que éstes pertencen á CNT viguesa.

Ficha de José Caeiro do batallón CNT Nº 7 Internacional (AHE/EAH)

Non permanece moito tempo inactivo José Caeiro. Un mes máis tarde pasa a combater enrolado no batallón Nº 51 CNT Nº 5 Durruti segundo se desprende das nóminas do mesmo (EAH. Caja 54 Expte 1). O Durruti pertence á 3ª División Vasca, 10ª Brigada.
O Durruti ven de batallar no monte Oketa ou Gorbeia Txiki (Etxaguen, Araba) sito no macizo do Gorbeia dende onde trata de conter o avance do Exército feixista iniciada xa a ofensiva coa que o xeneral Emilio Mola cobiza finiquitar dunha vez por todas coa resistencia vasca. Dada a dureza dos combates o batallón sofre cuantiosas baixas. Logo pasa a Dima (Bizkaia) lugar no que está acantoado ata primeiros de xuño. É nesta vila e en maio onde José Caeiro comeza a súa andaina coma miliciano do Durruti. O 17 de maio o batallón desprégase polas peñas de Atxondo na bisbarra do duranguesado (EAH). A presión do inimigo é terrible e inexorablemente vaise perdendo terreo. O Durruti vese na obriga de repregarse e adoptan novas posicións á defensiva para protexer o val de Arratia e a estrada Durango-Vitoria. A resistencia exténdese entre os días 22 e 30 de maio.

Cóntanolo Juan Ibarrola Orueta por entón comandante da 3ª División vasca:
Atacaron por mi frente y se perdieron Yurre, Villaro y Castillo Elejabeitia. Ante el avance enemigo nos replegamos al monte (V.V. A.A., 20199).

A mediados de xuño Caeiro e os seus camaradas proseguen loitando nas inmediacións de Galdakao (Bizkaia) (Vargas, 1996). Nestes días resulta ferido de certa gravidade sendo evacuado ao hospital bilbotarra de Basurto. A piques de perderse Bilbo para a república é novamente evacuado para o Hospital de Santander. Non remata aquí o seu periplo hospitalario. En agosto ante a perda da totalidade da provincia de Santander é trasladado ao hospital de Luanco en Asturias. En setembro do 37 volta a estar en activo na fronte de Cangas de Onís. Reintegrase no que queda do Exército de Euskadi que aínda sobrevive por aquelas datas ao mando de Ibarrola. Participa na batalla de El Mazucu (01-20/09/37) onde os batallóns vascos bátense con afouteza.

Nómina da 2ª quincena de maio do Bon. Durruti. José Caeiro aparece co seu segundo apelido trocado (AHE/EAH)

A perda de Asturias o 21 de outubro dese ano trae consigo o sálvese quen poda. Milleiros de milicianos e civís arremuíñanse desesperados nos portos asturianos có único fin de fuxir da previsible repersión. Unha amálgama de embarcacións bótase ao mar para conseguir este obxectivo. A José Caeiro Casal semella acompañarlle a sorte e obtén pasaxe no porto de Xixón no vapor Gaviota. Quizais o seu oficio de maquinista foi aval suficiente. Mais o fotuna víraselle. Non é quen de burlar o bloqueo naval que sofre a costa asturiana por parte dos feixista e o Gaviota é capturado.

Logo de sete meses na fronte José vaia trocar os aramios das trincheiras polos aramios dos campos de concentración. Xulgado en Xixón recibe unha condea de 15 anos de reclusión menor. Segundo as informacións pescudadas polos investigadores Celso Milleiro e Xosé Manuel Moreira pasou polo penal da illa de San Simón (Cesantes, redondela, Pontevedra) e pola prisión central de Figueirido (Pontevedra). De Figueirido sairá en liberdade condicional o 25 de setembro de 1941.

Fontes e Bibliografía

  • Archivo Histórico de Euskadi/Euskadiko Artxiboa Historikoa (AHE/EAH).
  • Pereira, Dionisio. El Trintxerpe Republicano: Génesis de la Denominada “Quinta Provincia Gallega”. Revista de Estudios Marítimos del País Vasco, nº5, pp. 737-743. Donostia, 2006.
  • Pereira, Dionisio. Loita de Clases e Represión Franquista no Mar (1864-1939). Vigo, 2010.
  • Pereira, Dionisio; Fernández, Eliseo. O Movemento Libertario en Galiza. (1936-1976). Vigo, 2006.
  • Romero, Fernando, Caerán Bajo la Espada. Higinio Carrocera. La Lucha de un Anarquista, FAL, Madrid, 2015.
  • VV AA, Juan Ibarrola Orueta. El Precio de la Libertad, Vitoria, 2019.
  • Vargas Alonso, F. Manuel. Anarquismo y Milicias de la CNT en Euskadi. Eusko Ikaskuntza, 1996.
  • Velasco Souto, Carlos F. 1936. Represión e Alzamento Militar en Galiza. Vigo, 2006.

 

Sergio Balchada