Etiquetas

, , , ,

Coma moitos dos seus paisanos das rías galegas Emiliano Manduca Rosales Davila decide ir a procura dun mellor futuro laboral a Pasaia (Gipuzkoa). Nado en Marín (Pontevedra) e veciño de Bueu (Pontevedra), deixa no seu lar á muller e os fillos e recala en Euskadi para traballar de fogueiro nalgún dos bous pasaitarras, vila que está a medrar considerablemente debido a industria da pesca, e máis concretamente da captura do bacallau.

Alomenos dende 1934, segundo a data dunha carta que envía a súa dona Carmen, vive e traballa en Pasaia. Maís adiante, en 1936, a familia ao fin consegue reunirse e trasladan o seu domicilio a Herrera (Altza, Donostia, Gipuzkoa).

Emiliano Rosales Davila coas estrelas de capitán durante a súa etapa no batallón Amuategui Fotografía propiedade de José Ramón Seijas.

Durante aqueles anos de efervescencia política e social Emiliano non oculta a súa militancia no Partido Comunista de España (PCE). Afiliado ao sindicato da UXT da Industria Pesqueira La Unión, acada a presidencia do mesmo en 1935. Sen dúbida Emiliano eríxese entre os seus compañeiros nun referente na loita social. Grazas a isto aparece coma apoderado para as eleccións de febreiro de 1936 do avogado comunista Miguel Amilibia Machimbarrena que se apresenta coma deputado pola provincia. Eleccións que á postre vai gañar a Fronte Popular.

Ademais da participar activamente na política Emiliano aínda saca tempo para estudar e obtén a titulación de maquinista. O título ábrelle novas posibilidades laborais e froito do seu esforzo en marzal é contratado como maquinista por un armador bilbaotarra. A familia ao completo, muller e catro fillos, afíncase na capital viscaíña. Alí vailles coller o estoupido da guerra.

Emiliano non o pensa dúas veces e enrólase voluntario nas milicias que combaten aos alzados contra a República. O partido vaille asignar un posto de responsabilidade coma Alférez de Milicias. Mais deseggida gaña os galóns de Capitán de Milicias O sete de outubro dese ano José Antonio de Aguirre faise coas rendas do novo Gobierno Provisional de Euzkadi e comeza a xestarse o Euskadiko Gudarostea ou Exército de Euskadi. As milicias de partidos e sindicatos antifeixistas van ir encadrándose na nova organigrama militar e nacen os diferentes batallóns que van configurar o XIV Cuerpo de Ejército.

Nun primeiro intre o noso protagonista recala nun batallón de intendencia coa graduación de capitán. A vida na retagarda resulta cómoda e para nada perigosa. Tamén bríndalle a oportunidade de visitar a miudo á familia. Mais a Emiliano seguramente férvelle o sangue por compartir trincheira cós seus camaradas. O seu desexo vai ver cumplida satisfación en abril de 1937.

Emiliano é designado coma capitán da 3ª Compañía do batallón Nº 35 Amuategui das X.S.U. (Xuventudes Socialistas Unificadas). Apreséntase ao comandante do batallón Martín Echeverría Arambarri (natural de Eibar, Gipuzkoa) no cuartel que o batallón ten no convento de Isasi en Eibar.

O batallón toma o seu nome do dirixente socialista eibartarra Aquilino Amuategui Acha. Por esta razón a meirande parte dos seus efectivos son naturais da vila armeira, combatentes fogueados nos enfrontamentos ocorridos durante o verán. O Amuategui leva acantoado dende a súa formación na Fronte de Gipuzkoa, sector de Eibar. De feito ocupa a liña comprendida entre o monte Akondia e o cruce de Maltzaga (Vargas, 2015).

Milicianos da 3ª Cía. do Amuategui no monte Illordo (Elgeta, Gipuzkoa). Euskadiko Artxibo Historikoa, Fondo Blasco.

Apenas leva unhas semanas na fronte, o día 19, e parte da súa compañía é seleccionada para efectuar un ataque sobre as liñas inimigas. A 2º compañía e a primeira sección da 3ª colabora xunto có batallón Nº 48 UGT Nº 8 Jean Jaures. Ás 4 da madrugada os milicianos do Amuategui asaltan o monte Garagoitxi mentres os da UXT caen sobre o Akondia: La cota se tomó a base de bombas de mano, aniquilando a la guarnición de zapadores y algunos requetés (Vargas, 2015).

Lamentablemente os camaradas do Jean Jaures non conseguen facerse có obxectivo marcado e ao amencer o Amuategui recibe ordes de retirarse. Ao día seguinte as forzas sublevadas dan inicio a que será coñecida coma batalla dos Intxortas (20-24/04/37). A maniobra de envolvemento efectuada sobre os cumes dos Intxortas e a seria ameaza sobre o sector de Elorrio que conleva esta operación; pon en serios apretos a supervivencia do sector de Eibar e polo tanto ao Amuategui que defende as posicións do citado sector. De feito o Amuategui abandoa a zona na xornada do 24 de abril. Eibar finalmente caerá nas mans dos facciosos o 26 de abril, o mesmo día que Gernika arde polos catro costados. Precisamente o batallón no camiño de regreso a Bilbo para reorganizarse e coller folgos, pasa pola vila en chamas. De seguro o aterrecedor espectáculo quedou grabado nas retinas de Emiliano.

O batallón aínda continúa combatendo ao longo dom mes de maio en Zugastieta (Muxika, Bizkaia), Etxano-Amorebieta (Bizkaia), Peña Lemoa,…Mais nesta última batalla Emiliano Manduca Rosales Davila xa non serve nas ringleiras do Amuategui. Emiliano deixa de aparecer nas nóminas do Amuategui correspondentes á primeira quincena de xuño de 1937. Segundo comunica á muller nunha das varias cartas que lle envía dende a fronte de guerra. Carta, por outra banda, sen datar mais que supoñemos de xuño que hai uns catro días que trocou de batallón e agora pertence á 4ª compañía do batallón Nº 28 UGT Nº 13 Baracaldo-Martínez Aragón. Descoñecemos con que responsabilidades accede ao novo destino posto que as nóminas do citado batallón só chegan ata o mes de maio, cando Emiliano aínda combate nas ringleiras do Amuategui.

Combatentes do Baraclado-Martínez Aragón (Fotografía en BATALLÓN 28 BARACALDO MARTÍNEZ ARAGÓN Batallón 28 Martínez Aragón, en https://errepublikaplaza.wordpress.com/)

O seu novo batallón o día 3 de xuño de 1937 vai participar no asalto a Peña Lemoa defendido polos requetés do Tercio de San Ignacio (Diego, 2018). A arremetida exténdese durante unha hora á conclusión da cal as tropas vascas conquistan o macizo biscaíño. A pesares do cuantioso das baixas que sofre a brigada, Emilano consegue sobrevivir á batalla. O día 6 de xuño escribe unha carta dende Usánsolo (Galdakao, Bizkaia) para desacougar á muller. É a derradeira carta que Carmén vai recibir do seu esposo.

Para o día 12, a xornada do rompemento do coñecido como Cinturón de Hierro de Bilbao, Emiliano acode cós seus camaradas a reforzar a liña que comprende o tramo entre Urrusti e Berreaga (Miñambres, 2012). O Baracaldo-Martínez Aragón vese na obriga de retirarse das súas posicións ás 19 hrs (Vargas, 2015) acosado polo costado dereito de onde se ten retirado hai máis de dúas horas o batallón Nº 59 Rebelión de la Sal. Ao día seguinte o batallón aínda é quen de prantar cara nas inmediacións da poboación de Zamudio e segundo vai pasando o tempo fan o propio no mesmo casco urbán da vila.

O Exército Vasco reprégase cara as alturas de Santo Domingo e Artxanda, moi preto de Bilbo, sentindo na caluga o alento do adversario. Improvísanse neste sálvese quen poida febles liñas de defensa coa finalidade de permitir a evacuación do maior número posible de tropas. A resistencia en Santo Domingo e Artxanda exténdese dende o 14 de xuño ata o 17. As 18:30 hrs o costado esquerdo cede ao empuxe inimigo e vai precipitar a aída total das defensas vascas (Vargas, 2015). O Baracaldo-Martínez Aragón evacúa ao seu cuartel en Portugalete. Nembargantes neste punto pérdese a pista a Emiliano Manduca Rosales Davila. Entre a voráxine de sudor e pólvora entre 12 e o 17 de xuño Emiliano perde a vida nalgún punto descoñecido entre o Cinturón de Ferro e Bilbao.

A súa dona Carmen tal vez recibise algún tipo de notificación da desparición de Emiliano. De feito nunca se lle comunica oficialmente o seu falecemento en acción bélica. Perante o silencio epistolar de Emiliano, Carmen decide emprender unha peregrinaxe institucional na procura dalgunha nova do seu marido. En ningún dos lugares que chega a visitar saben dar conta do paradoiro de Emiliano. Nin tampouco asegurar que se ache morto. O seu nome vai engrosar a extensa listaxe de combatentes desaparecidos.

Aspecto do casino de Artxanda tralos combates de xuño do 37 (Fotografía en https://www.flickr.com/photos/jonarregi/34537758124)

Tempo despois Carmen sabe a través duns compañeiros de armas de Emiliano que éste falece a causa do impacto dunha granada de morteiro que o deixa completamente esnaquizado. Segundo parece o seu corpo e os de outros máis foron conducidos a unha foxa común preto do lugar da morte para ser soterrados. Carmen nunca puido recuperar os restos de Emiliano. Nunca soubo onde fora soterrado en data incerta o seu marido. E esta pesadume acompañouna o resto da súa vida.

Fontes

  • Euskadiko Artxibo Historikoa – Archivo Histórico de Euskadi (EAH).
  • Beldarrain, Pablo. Historia Crítica de la Guerra en Euskadi (1936-37), Intxorta 1937 Kultur Elkartea,2012.
  • Diego, Mikel, Lemoatx, Historia de una batalla, en Lemoatx 1937. La Última Victoria del Ejército Vasco, Lemoa, 2018.
  • Miñambres Amezaga, Aitor. El Cinturón de Hierro-Bilbao`ko ”Burdin-Esia”. Historias de los Vascos, Blogs Deia, 2012.
  • Vargas Alonso, Francisco Manuel, Milicianos. Las Bases Sociales del Frente Popular en Euskadi y la Defensa de la República, Tesis doctoral, Universidad del País Vasco, 2015.
  • BATALLÓN 28 BARACALDO MARTÍNEZ ARAGÓN Batallón 28 Martínez Aragón, en https://errepublikaplaza.wordpress.com/.

Agradecer a José Ramón Seijas, neto de Emiliano, pola información facilitada e o aceso a documentos, cartas e fotografías. E tamén ao investigador marinense Celso Milleiro por facer de “celestina”. Unha aperta para os dous.

Sergio Balchada