Etiquetas

, , , ,

A orixe da linaxe dos Andrade non aparece moi clara, e coma na maoiría dos casos amósase case raiando o lendario ou mesmo o fantástico.
Son moitos os xenealoxistas que sinalan que provén dun dos cinco cabaleiros que dende Italia, e baixo o mando de don Mendo de Rausona, viaxaron ata A Coruña có fin de enfrontarse aos sarracenos. O dito cabaleiro respostaba ao nome de Androge e logo de decidir permanecer en chan galego, estableceu o seu solar no lugar de Andrade sito entre Pontedeume e O Ferrol. E chegado o século XIV o apelido Andrade adquirirá grande prestixio da man de Fernán Pérez de Andrade O Bóo.

Ata mediados deste século forma parte desa aristocracia de segunda ringleira que tenta abrirse camiño amparado baixo a sombra das institucións eclesiásticas ou de familias da alta nobreza.
Pertence á inxente masa de cabaleiros con desexo de medrar. Unha forza en continuo ascenso a ter moi en conta. Grazas a habilidade do noso protagonista e sobretodo ás afortunadas decisións tomadas fundamentalmente á hora de apoiar a causa de Henrique de Trastámara.

Dende o inicio do conflicto civil castelán Fernán Pérez aparece coma o leal amigo do pretendente bastardo. De feito préstalle ao conde valiosa axuda na súa fuxida cara Francia. Nun primeiro intre dándolle agocho na fortaleza que os Andrade posúen en Pontedeume para máis tarde proporcionarlle unha embarcación en Ferrol que o levará primeiro a Asturias e logo a Biscaia coma derradeira etapa do camiño. Mesmo acompañao e lle serve de escolta. Neste capítulo a tradición sinala o intre no que seu pai, Rui Freire de Andrade, ao ver coma marcha có conde de Trastámara aconsellalle: Se bo, que bo compañeiro levas. Debido a esta pasaxe pénsase que se lle atribue a Fernán Pérez o sobrenome de O Bóo, aínda que tamén, seica, foi coñecido coma Compañeiro de Henrique II.

Con anterioridade ao seu compromiso có bastardo Fernán Pérez acode aos chamamentos do monarca castelán Pedro I para participares nas campañas contra a coroa de Aragón. Referímonos as coñecidas coma a guerra dos dous Pedros. De feito coma gratificación aos servicios prestados recibe do rei en 1356 a fegresía de Santa María de Recimil entre outros bens. No 1364 verá medrar novamente o seu patrimonio por juro de heredad con Vilalba, Pontedeume e Santa María de Narahío polos seus muchos, buenos et leales serviçios que me habedes fecho et facedes de cada día (Couceiro Freijomil, 1988). Foron quizais as promesas do conde de ver medrar o patrimonio familiar o que fixo que se decantara polo partido do de Trastámara, ou pola contra cabería engadir o posible medo ante a xustiza drástica exercida polo rei. Non se pode descartar a posibilidade que el fose un dos seguintes axusticiados.

Vemos a Fernán Pérez entre os cabaleiros que o 5 de abril de 1366 asisten á coroación de Henrique coma rei de Castela. Posteriormente xa ao servicio de Henrique II participa en 1366 no sitio de Lugo. Loita con valor e demostrando a súa valía perante os muros da cidade. No interior do recinto resiste o conde de Lemos, Fernando de Castro, xunto coas súas hostes. A situación parece manterse en táboas durante dous longos meses. As embestidas do exército de Andrade non son quen de abrir unha fenda nas defensas luguesas. O mesmo Henrique de Trastámara participa no asedio, en vista da imposibilidade de dobregar ao de Castro opta por botar man da dialéctica e covencelo da conveniencia de unirse a súa bandeira respetando todolos seus títulos e privilexios. Fernando de Castro négase. Non obstante sitiados e sitiadores chegan a un acordo. Ofréceselle a posibilidade de render a praza con honor sempre e cando nos seguintes cinco meses, e ata o día da Pascua de Resurrección Don Pedro non acoda no seu auxilio. Pola súa banda o de Castro comprométese durante este período de tempo a non iniciar accións ofensivas sobre o propio Henrique e Fernán Pérez de Andrade. O conde de Trastámara marcha entón a Burgos.

Murallas de Lugo (El Progreso de Lugo)

As novas do desembarco dun continxente inglés en apoio aos leais á coroa anima a Fernando de Castro a romper as claúsulas do pacto e lánzase a unha carreira de enfrontamentos contra os trastamaristas galegos obtendo importantes victorias e sometendo moitas das prazas henriqueñas.

Fernán Pérez vese incapaz de por freo aos renovados folgos petristas refuxiase en A Coruña. Cidade elexida polos bandeirizos do conde para atrincheirarse sobretodo pola súa especial situación que lles permite, chegado o caso, a retirarse cara Asturias rexión trastamarista por excelencia.

Axiña o campo de operacións bélicas trasládase fóra de terras galegas. O derradeiro alento da contenda vai ter lugar nos campos de Montiel (Cidade Real), no castelo de La Estrella. Acontece a noite do 23 de marzo de 1369 no interior dunha tenda de campaña no campamento do conde. Ata o lugar acode o rei don Pedro con algúns dos seus partidarios que veñen de negociar a fuxida do monarca do citado castelo amparado pola escuridade da noite. Henrique ao tanto das negociacións agarda ao seu medio irmán que camiña cara una çelada. Na tenda de campaña atópanse os líderes de ambalas dúas faccións, logo dun breve intercambio de palabras, o conde e o rei comezan a pelexar. A corpulencia de don Pedro imponse na melé e chegado un intre acaba enriba do conde. Neste intre unhas mans aferran a don Pedro, o inmobilizan e propician que a daga que blande o de trastámara segue a vida do soberán. As teorías sobre quen é a persoa que auxilia ao conde son múltiples: O mercenario bretón Bertrand Du Guesclin, o vizconde de Rocaberti ou Fernán Pérez de Andrade. A exclamación que segundo esta teoría profire o galego vai pasar aos anais da historia: Ni quito ni pongo rey, sólo sirvo a mi señor (Laredo Verdejo, 1976).

(Máis datos sobre este capítulo en https://elgajedeloficio.wordpress.com/2016/02/10/ni-quito-ni-pongo-rey/ ).

Representación da morte de Pedro I (https://gulliver-losviajesdegulliver.blogspot.com)

Tampouco semella descabelado que fosen os tres á vez os que aferraron a don Pedro, non son un segredo as grandes mercedes recibidas polo trío presente no lugar dos feitos. ¿Para satisfacer a valiosa axuda prestada esa noite?.O primeiro en involucrar a o de Andrade nesta trama vai ser no século XVI o licenciado Molina na súa obra Descripción del Reino de Galicia. Apoia a súa tese na excelente amizade que unía a Fernán Pérez có futuro Henrique II. Non obstante o argumento da participación directa do cabaleiro galego non atopa creto entre a meirande parte dos expertos no tema.
En 1371 Fernán Pérez de Andrade recibe do monarca das mercedes: Todo cuanto veía desde su torre o castillo de Andrade hasta el cabo Prioiro (Vesteiro Torres, 1874). Os señoríos de Ferrol, Pontedeume e o de Vilalba no 1373. Tamén lle concedeu o privilexio de acuñar moeda.

Apreciase polo tanto que a fortuna lle sorrí e a prosperidade vai apousentándose paseniña nos pagos dos Andrade. En consoancia á dita bonanza o señor de Andrade emprende unha serie de proxectos e oras de carácter público e relixioso. Bo exemplo é a construcción da ponte de Pontedeume, unha das mellores do seu tempo, as de Sigüeiro e Xubia. Erixe en Pontedeume un hospital para pobres e as fortalezas de Moeche e Narahío.

No tocante ás obras de tipo relixioso caben salientar os conventos de Montefaro e San Francisco de Betanzos. Mesmo manda construir unha capela en honor do seu benefactor, para dicir misas pola súa alma.
As súas inquedanzas non rematan aquí. Amante da literatura, sobretodo da poesía, manda traducir ao galego a Crónica Troiana de Benvist de Saint More. Apreséntase desta vez coma un mecenas das letras, coma aqueles que van proliferar en séculos posteriores.

Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade (Fotografía en https://hiveminer.com)

Baixo o reinado de Xoan I, fillo de Enrique, é nomeado gobernador de A Coruña. Tralos seus muros será testemuño do desembarco dun poderoso exército inglés acaudillado por Xoan de Gante, duque de Lancaster. O inglés unido matrimonialmente con Constanza filla dos difuntos don Pedro I e María de Padilla, reclama para sí a coroa de Castela. Deste xeito desembarca en Galiza e da inicio a unha aventura que vai rematar en desastre.

Fernán Pérez vese na obriga de pactar có duque inglés acampado extramuros da cidade herculina unha saída viable a súa difícil situación. Tenta por todolos medios que a cidade non caia en poder do inimigo. O de Andrade plantexa a Xoan de Gante as seguintes condicións: A armada do duque pode fondear na bahía coruñesa e as súas hostes deben respetar a integridade da praza; por outra banda Fernán Pérez O Bóo comprométese a que gostosamente a cidade ao seu cargo correrá a mesma sorte que Compostela. Un mes máis tarde na cidade do apóstolo ondea o pendón ducal. Segundo o pactado Andrade entrega a cidade aos homes do duque. Nembargantes O Bóo non semella amilanarse e procura refuxio en Betanzos dende onde fustiga, case a desesperada, ás hostes inglesas.

Rematada a empresa ducal en desastre Fernán Pérez regresa á administración das súas terras. Quizais a súa sede de patrimonio vaino conducir a cometer algún que outro atropelo sobre posesións eclesiásticas. Xoan I de Castela recibe as denuncias do abade do mosteiro de Sobrado dos Monxes por apropiación indebida de propiedades do mentado mosteiro polo cabaleiro e do abade de Bergondo o cal reclama algunhas igrexas e vivendas das que se ten apoderado pola forza. Tampouco nos debe estrañar esta clase de comportamentos habituais por outra banda durante a Baixa Idade Media galega. Estas accións non van deteriorar a privanza do cabaleiro, é dicir a confianza e cercanía, coa coroa. De feito aparece en diversas ocasións defendendo os intereses do rei na Galiza e actuando como árbitro no seu nome nos preitos habidos enre cabaleiros ou coas grandes institucións eclesiásticas.

Fernán Pérez de Andrade O Bóo, fillo de Ruy Freire de Andrade e Inés González de Soutomaior, casado con Constanza de Macero falece no 1397 sen descendencia. Deixa como sucesor do apelido e de todo o seu patrimonio ao seu sobriño Pedro Fernández de Andrade. Os seus restos son soterrados no convento de San Francisco de Betanzos. Mesmo no seu descanso eterno lega para a posteridade a grandeza soñada para a súa linaxe, un sepulcro considerado un dos monumentos funarerios máis representativos do gótico europeo.

Fontes

  • Andrade Cernadas, J. M.; Pérez Rodríguez, F. J., Galicia Medieval, Historia de Galicia, Tomo III, A Coruña, 1995.
  • Correa Arias, José Francisco, Fernán Pérez de Andrade, o Bóo, Noia, 2004.
  • Couceiro Freijomil, A., Historia de Puentedeume y su Comarca, Puentedeume, 1971.
  • García Oro, José, Galicia na Baixa Idade Media: Igrexa, Señorío e Nobreza, A Coruña, 1999.
  • Laredo Verdejo, Xosé Luis, Os Nosos Devanceiros. Historia da Galiza, Voz de Galicia, 1976.
  • Vesteiro Torres, T., Galería de Gallegos Ilustres, Tomo II “Guerreros”, Madrid, 1874.

Sergio Balchada

Anuncios