Etiquetas

, , ,

No Diario Oficial del Pais Vasco decrétase o 27 de outubro de 1936 a militarización das Milicias de Voluntarios. Axiña os diferentes partidos e sindicatos que combaten aos golpistas principian a artellar unha serie de batallóns cós que facer fronte aos fascistas. A CNT forma sete batallóns de infantaría e entre eles o CNT Nº6 Celta, máis adiante en abril do 37 intégrase como batallón Nº 30 na 12ª Brigada da 4ª División. A formación do batallón Celta é tardía, corresponde a mediados de novembro, ten o seu cuartel no colexio dos Salesianos de Barakaldo. O seu comandante é Luis Vázquez Rodriguez nado en A Pobra de Trives.

Nómina do batallón (AHE-Archivo Histórico de Euskadi)

O Celta tenta aglutinar aos galegos residentes en Biscaia e Gipuzkoa, onde destaca o importante continxente de mariñeiros que viven en traballan en Trintxerpe. Lugar que se deu a coñecer coma a quinta provincia galega. Tamén é un chamamento aos paisanos que ou ben están repartidos polos distintos batallóns do Exército de Euskadi (Euzkadiko Gudarostea); ou ben aínda non foron quen de mobilizarse coma voluntarios de primeira hora. Evadidos e desertores do exército sublevado de filiación esquerdista, grupos que fuxen da represión por mar dende a Galiza.
A primeiros de decembro o Celta desprégase no monte Kalamua moi preto de Markina (Bizkaia) e da raia con Gipuzkoa. A madrugada do día 3 capturan ao capitán Juan Barquero Barquero cando tenta cruzar cara as liñas inimigas. Este capitán estaba implicado na fallida trama golpista artellada polos militares no cuartel de Garellano de Bilbo, e que dende entón permañecía en paradoiro descoñecido.
Precisamente ese mesmo día aparece no xornal Euzkadi Roja a solicitude dunha bandeira que lleve como emblema algo se simbolice la región gallega. A petición, en nome do batallón, corre a cargo do capitán Manuel Lampón Ríos (A Pobra do Caramiñal) e do tenente José Paz Dávila (Posiblemente tamén de a A Pobra do Caramiñal).
O día 26 dese mesmo mes o batallón entra en combate. Os fascistas atacan no sector para facerse coas posicións máis avanzadas do Kalamua, apenas separadas 200 metros a unhas das outras, e que defenden os galegos do Celta. O embate inimigo é de tal magnitude que produce, nun primeiro intre, o abandono dos parapetos defendidos. Mais logo de bater cun dos batallóns de ANV, os gudaris do mesmo reproban a actitude dos galegos provocando que o batallón Celta organice un contraataque e retome a posición na cal soportará os diversos contraataques lanzados polos fascistas. Esta xornada falecen entre outros o tenente Manuel Aguete Lino de Loira (Marín) ou o miliciano Andrés Pérez Millán de A Pobra do Caramiñal.

Nómina do batallón (AHE-Archivo Histórico de Euskadi)

Dende xaneiro de 1937 a fronte vasca vai a caracterizarse pola tranquilidade logo da frustrada ofensiva sobre Legutio (Araba) por parte republicana. Non se contabilizan combates de entidade agás aos habituais paqueos e duelos artilleiros, ou a pequenas escaramuzas que para nada modifican o estado xeral da fronte de guerra. Esta tónica vai mudar drásticamente a partires do 31 de marzal de 1937. O xeneral Mola quere rematar dunha vez por todas coa fronte biscaíña e emprende unha ofensiva que promete chegar a Bilbo en dúas semanas, pero que se delonga dous meses e medio. Conta para a ocasión coas Brigadas de Navarra, forzas moi combativas e fogueadas. E tamén coa inestimable colaboración da Lexión Condor alemana e tamén da Aviazione Legionaria italiana.
Ao inicio da ofensiva o Celta pasa a defender o porto de Krutzeta sito xunto á estrada que comunica Legutio con Aramaio na raia entre as provincias de Araba e Bizkaia. Cando os galegos son relevados da primeira liña polo batallón Eusko Indarra (ANV Nº2), os gudaris nacionalistas deben defenderse dun ataque inimigo en un campo donde yacían muertos del batallón Celta, que podían ser de algún contraataque de la noche o de la víspera segundo recolle no seu diario o Comandante Pablo Beldarrain.
A progresión do Exército franquista é lenta. En boa medida debido á orografía característica do país e ao espirito combativo de milicianos e gudaris. A cada pouco a liña da fronte vese modificada e sen apenas descanso os batallóns deben acoder ás diferentes frontes abertas.
Logo de ter repousado o batallón acode desta vez ao sector de Elorrio (Bizkaia) a finais de abril. Ata xuño que ocupen posicións tralo coñecido coma Cinturón de Ferro de Bilbao, Unha sorte de derradeiro reducto, de derradeira liña defensiva que circunvala a capital biscaiña; os galegos van ocupar diferentes tricheiras nunha inexorable replegue que vai a mermar fondamente a moral dos combatentes.

Batallón Celta en Larrabetzu (Fundación Anselmo Lorenzo)

O 12 de xuño o Exército de Franco ataca e creba o Cinturón de Ferro nas inmediacións da vila de Larrabetzu. Esa xornada o Celta participa nos choques contra o inimigo que tentan contelo e mesmo expulsalo sen éxito. Unha semana máis tarde, o 19 de xuño, evacúase Bilbo e a cidade cae en mans dos sublevados. O Exército de Euskadi é empurrado cara a provincia de Cantabria. Nembargantes os galegos aínda teñen tempo de intervir na derradeira batalla en chan biscaíño. A batalla do Kolitza tivo lugar os días 27 e 28 de xullo foi un verdadeiro desastre. Ás malas condicións climatolóxicas hai que sumarlle a descoordinación entre as diferentes unidades republicanas e a erros da oficilaidade á hora de tomar decisións no deseño e desenrolo da ofensiva. Os milicianos do Celta deixan un bo número de compañeiros sobre o terreo.
O batallón Celta xa non volta a entrar en acción. Está desfeito logo de tres meses combatendo. Por iso pasa á reserva establecendo o seu cuartel en Colindres (Cantabria). O 23 de agosto do 37 o batallón desplázase á vila mariñeira de Santoña onde teñen novas de que o Exército de Euskadi estáse a concentrar. Ao día seguinte preto de 15.000 combatentes e 3.000 oficiais entréganse aos soldados do Corpo Truppe Volontaire no que se deu en coñencer coma o Pacto de Santoña. Para moitos dos seus milicanos aos que Castelao alcumou como Os Leóns do Norte agarda a morte fronte a un piquete de execución ou unha longa noite de pedra.

Sergio Balchada

Anuncios