Etiquetas

, , ,

(O presente artigo publicáronmo orixinalmente o 25/07/2017 na web http://www.estibaus.info)

Á altura de 1932 Altza contaba con 4050 habitantes (Anuario,1932). Entre éstes hai que suliñar a presenza dun importante colectivo de galegos emigrados á antedita vila na procura dun porvir mellor ao que podían aspirar na súa terra.
A importante emigración galega que comeza a espallarse polas vilas costeiras gipuzkoarras debe a súa razón de ser ao nacemento en 1926 na vila aledaña de Pasaia da PYSBE (Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España). Trátase principalmente de mariñeiros atraídos pola propia empresa para cobrer as prazas vacantes nos bacaladeiros, prazas que os pescadores locais non conseguen copar polo que é preciso acoller man de obra foránea traballadora e especializada nas artes da captura do bacallau. As rías galegas resultan ser un excelente caladoiro. (Orejas, 1995)

Tripulacion do bou VENDAVAL no porto de Cardiff cara 1930. Foto Arquivo UNTZI MUSEOA. Do libro ITSAS MEMORIA Nº4.

Ao principiar o século XX e sobretodo nos anos nos que a Grande Guerra manten paralizada a meirande parte das frotas europeas o sector experimenta un importante pulo en todo o estado, isto permite o flete de cada vez máis naves adicadas á pesca e a creación de máis postos de traballo. A todo isto temos que engadir o troco nas artes de pesca. Dunha pesca artesanal e de tipo familiar, máis ben de subsistencia, e que apenas se aventura máis alá do litoral vai xurdindo outro tipo de pesca industrial pensada para percorrer maiores distancias e permañecer longas xornadas sen avistar un porto (Rivero,1996). Tanto as novas técnicas de captura do peixe coma os custos de fabricación e mantemento duns buques máis modernizados van repercutir desfavorablemente nas condicións de traballo das tripulacións dos mesmos. Os altos custos durante os anos do conflicto mundial; sobretodo do carbón e da escasa disponibilidade doutros materiais necesarios para o desenrolo da xornada laboral que sofren un aumento considerable do seu prezo; afectan directamente aos beneficios obtidos polos grandes armadores que buscan unha solución rápida e efectiva para paliar a merma de ganancias. (Pereira, 2012)
A esta situación temos que sumarlle a crise do anos vinte e o esgotamento dos tradicionais caladoiros de sardiña, sobretodo no 1924 onde a crise se agudiza e alcanza cotas que disparan todalas alarmas. Isto tradúcese nunhas relacións de traballo desfavorables para os mariñeiros. As tripulacións vense cercenadas, os soldos recortados e consecuentemente as condicións de traballo endurécense con xornadas de traballo maratonianas onde agora menos efectivos realizan as labouras que antes realizaban máis homes. A desigualdade instálase nos portos galegos con visos de non querer marchar. (Pereira, 2012)
Coma se apuntaba en liñas anteriores o esgotamento da sardiña, tradicional captura da frota galega, obriga a que os armadores matinen nunha alternativa factible que poida salvar a tesitura. A solución albiscase en Terranova na pesca do bacallau. Os portos galegos apresentanse pois coma pioneiros no conxunto do estado na pesca desta especie. Concretamente no 1924 a empresa armadora familiar Esmeraldo y Manuel Domínguez posuidores de 9 vapores de pesca lánzanse á aventura do bacallau (Rivero,1996). Debido á complexidade inherente á pesca e o tratamento do bacallau as primeiras tripulacións contratadas son de orixe francesa das que obviamente aprenderán as galegas. Non obstante a iniciativa de Esmeraldo y Manuel Domínguez non tivo moito percorrido, quizais a relación dos custos e a escasa producción que se reducía ao 1% do consumo total do estado español en apenas dous anos. Deste xeito no 1927 abandoan á empresa para adicarse principalmente á captura de pescada.
Casualmente neste mesmo ano a PYSBE toma o relevo dos armadores galegos e será quen de espallarse ata alcanzar cotas de producción moi altas, que lles permitirán desenrolar as súas actividades de xeito industrial e manterse á cabeza do seu sector ao longo de décadas. Deste xeito Francisco Andonegui pousa a súa mirada nas rías galegas na procura de mariñeiros expertos nas artes do bacallau, coñecedores dos aparellos específicos para a súa captura e como arranxalos. Son bos operarios adoitados ás longas xornadas de traballo a cambio de escaso numerario, e ao mesmo tempo carecen dunha conciencia social de clase organizada en sindicatos ou en sociedades de mariñeiros que redunda nunha baixa mobilización social e política. As contas semellan cadrar na mente do armador donostiarra e os primeiros galegos chegan á PYSBE (Pereira, 2006).
Có percorrer da década dos 20 e sobretodo nos anos da República esta afluencia de traballadores das rías vai ir en aumento e consolidará unha colonia galega. Concretamente no barrio pasaitarra de Trintxerpe que recibirá o alcume de A quinta provincia galega. Mais non só Pasaia protagonizou a acollida dos centos de mariñeiros galegos que acoden a gañarse o pan, poboacións aledañas como é o caso que nos ocupa de Altza tamén recibiu un importante continxente de inmigrantes. Tal vez debido ao caos urbanístico do que adolece Trintxerpe nas décadas que nos ocupa por mor do rápido crecemento sen control algún para facilitar teito aos recen chegados; ou mesmo á escaseza ou cheo das pensións e fondas conducen a un bo número de galegos a establecerense en Altza. Alí desenrolan a súa vida familar e veciñal mentres que pola contra a vida laboral, parte da social e máis tarde a sindical van a desenrolala en Trintxerpe.
En Altza temos localizados coma veciños da poboación ao longo dos anos 30 a algo máis dunha ducia de galegos:

  • Juan Armental García, natural de Corrubedo (A Coruña).
  • Francisco Brión Martínez de Corrubedo (A Coruña).
  • José Calvo Cerqueiras e Antonio Bousada Sardiñeira ambolos dous de Carril (Pontevedra).
  • Ángel Cascallar Seoane de Noia (A Coruña).
  • Antonio Dominguez Lage, Eugenio Vilas Nores e José Blanco García. Os tres oriundos de Marín (Pontevedra).
  • Miguel Gómez Álvarez de Vilarelle, San Martiño de Cerdido (A Coruña).
  • José Antonio González Lijó nado na Galiza pero sen poder determinar o lugar.
  • José Ramón Hermo Treus e Manuel Tubío Filgueira ámbolos dous de Boiro (A Coruña). José Ramón concretamente de Lampón.
  • Adolfo López López de Redondela (Pontevedra).
  • Juan López Martínez de Ribeira (A Coruña)
  • Juan Maneiro Folgar de Ribeira (A Coruña).
  • Fernando Martínez Alonso de Bouzas-Vigo (Pontevedra).
  • José Pacífico Vilela de Muxía (A Coruña).
  • Antonio Varela Antelo de Noia (A Coruña).

Hai moitos máis, mesmo temos atopado veciños con claros apelidos de orixe galaica mais non puidemos constatar ao cento por cento que nacerán na Galiza polo que optamos por non incluilos na listaxe.
Coa chegada da República en abril de 1931 os traballadores do mar galegos van abandoar posicións mornas no tocante á conciencia social. Son anos de esperanza nos que se queren ver conqueridos todos aqueles dereitos que foron negados ata o momento e construir un novo tipo de sociedade máis igualitario e mesmo maís humano. Ao longo do litoral galego van ir agromando sindicatos onde se arremuíñan os traballadores do mar e así encadrados loitar dun xeito organizado por acadar os dereitos laborais para un traballo e soldo dignos.

Selo da vila del Altza datado en 1931 (tomado de http://www.altza.info)

Os mariñeiros galegos de Pasaia e Altza non se quedan atrás imbuidos por elementos que chegan da terra e predican as excelencias dos novos tempos. Anque no 1930 funciona clandestinamente o sindicato La Unión Marítima auspiciado pola UGT onde se mesturan en desiguais forzas socialistas, comunistas e anarquistas. O seu primeiro secretario é o comunista Juan Astigarrabia. O sindicato sofre en 1931 unha seria crise interna debido aos feitos acontecidos no Alto de Ategorrieta durante a folga de maio dese ano. Chegada á altura do Reloxio de Ategorrieta unha numerosa manifestación que dende Pasaia condúcese á capital da provincia un piquete da garda civil agarda decidido a que non sobrepase o citado punto. O oficial ao mando do destacamento ordena abrir fogo, a sorpresa inicial dá paso ao caos xeneralizado, aos berros e ás carreiras precipitadas; sobre o firme quedan 7 falecidos e máis de 30 feridos moitos deles con apelidos de clara orixe galaica.
Logo deste punto de inflexión e da crecente disensión ideolóxica interna, o sector anarquista do sindicato abandoa a sociedade e a principios de 1933 organizan o seu propio sindicato: Sindicato de Industria Pesquera y sus Derivados El Avance Marino; con sede en Pasai San Pedro (C/ Francisco Andoanegui, nº 13, entreplanta). O flamante novo sindicato recibirá o apoio do Comité Nacional da CNT o cal envía ao salmantino Miguel González Inestal para que se faga cargo das tarefas organizativas; prestixioso orador e traballador incansable, ocupa a secretaría de Avance Marino e co seu bo facer consegue o incremento das afiliacións.
Paseniño chegamos a outubro de 1934, mes convulso no que sen dubida cabe salientar as xornadas revolucionarias que se suceden ao longo de 12 días. Xornadas nas que Altza non queda exenta das accións e choques entre os revolucionarios e as forzas da orde e militares desprazados para erradicar calquera brote considerado sedicioso.
O día 7 á noite tanto Altza coma Herrera sofren unha sabotaxe pola cal quedan sen suministro eléctrico:
Después de las once y media de la noche recibió un aviso el gobernador civil, dando cuenta de que los elementos extremistas habían incendiado los depósitos de cajas de pescado de la Sociedad Muelles y Almacenes de Pesca de Pasajes de San Pedro. (…)
El plan de los revoltosos era sin duda el de distraer fuerzas hacia Pasajes de San Pedro. Para ello cortaron también la luz, dejando el pueblo de Alza y especialmente el barrio de Herrera completamente a obscuras (sic). (El Día 12/10/1934).
Aquí non remata a cousa ese mesmo día 7 o capitán de artillería Arana proclama a lei marcial (La Constancia 12/10/1934). Efectivos do exército, da Garda Civil e da Garda de Asalto veñen sendo desprazados á bisbarra có obxecto de estrangular o brote revolucionario. Patrullas armadas do exército deixanse ver por Donostia, Pasaia e Altza, os choques cós elementos revolucionarios comezán a ser unha constante:
Llueve torrencialmente y durante todo el tiempo que media desde las 2 de la noche al amanecer se oyó intenso tiroteo hacia el alto Vinagre, Alza y Herrera. (La Constancia, 12/10/1934).
A tentativa revolucionaria sáldase con centos de detidos, feridos de diferente consideración e mortos. De feito O secretario da CNT de Pasaia, Emilio Varela natural de Noia (A Coruña), resulta ferido no transcurso dos tiroteos habidos co exército (La Constancia, 12/10/1934).
Unha das consecuecias inmediatas que trae consigo o coñecido coma outubro vermello é que o sindicato El Avance Marino sexa clausurado e declarado ilegal; de feito non se teñen novas do sindicato até agosto de 1935 cando o Comité Rexional do Norte advirte ao Comité Nacional das duras condicións ás que son sometidos para poder legalizalo novamente (Orejas, 1995).
O seguinte feito a salientar chega un ano e medio máis tarde. En maio de 1936 os mariñeiros e os diferentes traballadores do porto da PYSBE dan comezo a unha dura folga, ó comezo da guerra civil aínda ésta permañecía activa e sen visos dunha posible solución. A causa é a solicitude dunhas novas bases de traballo que a patronal comprometérase a asinar no momento que se negociaron as que viñan rexindo as xornadas dos mariñeiros.
Os puntos máis importantes destas bases de traballo aludidas son as seguintes (Avance Marino, abril de 1936):
– O persoal para completar as tripulacións será solicitado a un Bolsín de Traballo controlado polos sindicatos atendendo as admisións por antigüidade do traballador no paro.
– Establecer dotacións mínimas de tripulantes segundo o tipo de embarcación e os días que faena lonxe do porto.
– Aumento dos soldos percibidos.
– As tripulacións que deben ir ao Gran Sol percibirán 50 pesetas máis por home.

– Descanso dominical para as tripulacións de baixura, para as de altura tantos días de descanso como domingos pasaron faenando.
– Regular as xornadas laborais para que non excedan as 15 horas.
– Subministración por parte dos armadores do equipamento adecuado para os labores a realizar, así como realizar os recoñecementos sanitarios necesarios para mellorar a salubridade das embarcacións.
– Percepción do soldo en caso de accidente laboral ou enfermidade contraída a bordo dos barcos.
– Descarga das adegas por parte do persoal de terra.
– Mes de vacacións pagas para cada tripulante.

O comezo da Guerra Civil é prácticamente un segredo a voces. Sindicatos e partidos de esquerdas saben que é cuestión de tempo que todo se complique e as forzas reaccionarias da sociedade den un paso adiante. O pistoletazo de saída prodúcese o 17 de xullo nas posesións españolas en Africa e ao día seguinte a faísca da sublevación pasa á península.

Grupo de milicianos no monte San Marcial (Fotografía en www.http://lubakikoak.com)

Sindicatos e partidos progubernamentais non se quedan de brazos cruzados, a mobilización dos seus efectivos máis comprometidos e ideoloxizados para frear a acometida dos sublevados non se fai agardar. As sés dos partidos e os locais dos sindicatos son un formigueiro de xente na procura de novas e de consignas. Xorden xuntas de defensa para organizar a resposta aos sediciosos e encadrar aos voluntarios que lles queren facer fronte. En Altza non se quedan atrás e anque depende da Junta de Defensa de San Sebastián si que existe un comité de guerra da Fronte Popular local que ademais argalla o 5 de agosto a denominada Primera Compañía Roja de Altza composta por 100 milicianos entre os que atopamos galegos.
Coma membros da Fronte Popular de Altza temos aos seguintes galegos:

  • Florian, Juan e Ramón Aguiar Soutullo, irmáns oriundos de Redondela (Pontevedra).
  • Juan Armental García de Corrubedo (A Coruña)
  • José Blanco García de Marín (Pontevedra).
  • José Calvo Cerqueiras de Carril (Pontevedra).
  • Ángel Cascallar Seoane natural de Noia (A Coruña).
  • Miguel Gómez Álvarez de Vilarelle, San Martiño de Cerdido (A Coruña).
  • José Antonio González Lijó nado na Galiza.
  • Adolfo López López de Redondela (Pontevedra).
  • Juan Maneiro Folgar nado en Ribeira (A Coruña).
  • Arturo Martínez Alonso de Bouzas-Vigo (Pontevedra).
  • Fernando Martínez Alonso de Bouzas-Vigo (Pontevedra). Neste caso cabe suliñar que Fernando Martínez arriba a Altza logo de fuxir en barco dende Bouzas-Vigo pouco antes do 30 de xullo do 36 anque en data sen determinar.
  • José Pacífico Vilela de Muxía (A Coruña).
  • Manuel Tubío Filgueira nado en Boiro (A Coruña). Ocupáse no servicio de garda.

Estes milicianos son despregados ao longo da fronte gipuzkoarra coa intención de frear ás columnas principalmente de requetés que tratan de alcanzar Donostia e dominar a provincia. Posiblemente mesmo algúns deles combaten nas rúas da capital o 22 e 23 de xullo de 1936 e posteriormente únense ao asedio aos cuarteis de Loyola entre o 24 e o 28, data na que finalmente os militares rebeldes se renden ás forzas leais á República.

Selo do Comité de Defensa de Altza

Os combates na provincia extendense durante todolos meses estivais sendo o 13 de setembro a data clave posto que ese día os sublevados fan a súa entrada en Donostia. A continuación sucédense unha serie de tentativas por evitar a súa progresión cara a Bizkaia que resultan un fracaso ata que se consegue poñerlles freo prácticamente na raia coa provincia veciña.
Esta defensa desesperada vai precedida do éxodo de centos de civís espoleados polo medo que pretenden alcanzar a seguridade que a priori semella ofrecer Bizkaia. A longo prazo a inxente chegada de refuxiados convertirase nun problema engadido para o recen estreado Goberno de Euzkadi a cuia cabeza se situa o nacionalista José Antonio Aguirre y Lecube.
Estabilizada a fronte na raia entre ambalas dúas provincias o goberno autónomo esfórzase na creación dun exército con certas garantías para enfrontarse ao que dirixen os golpistas. As diferentes sensibilidades politicas e sindicais que se decantan por aliniarse có poder republicano deseguida organizan as súas propias milicias encadradas en batallóns. E os galegos residentes en Altza que conseguiron alcanzar Bilbo van engrosar as ringleiras destes batallóns, así temos que no batallón CNT Nº 1 Bakunin, logo Nº 21 do Exército de Euzkadi combaten os irmáns Florian e Juan Aguiar Soutullo; José Calvo Cerqueiras; Juan Maneiro Folgar e José Ramón Hermo Treus.
No batallón CNT Nº 6 Celta, logo Nº 30: Francisco Brión Martínez, Antonio Dominguez Lage, Eugenio Vilas Nores, Ángel Cascallar Seoane, José Blanco García.
No batallón CNT Nº 3 Isaac Puente, logo Nº 11: Ramón Aguiar Soutullo.
Tralo debacle da República chegará para moitos deles o exilio, o cárcere e o ostracismo social e laboral. Unha longa noite de pedra en verbas de Celso Emilio Ferreiro.

FONTES

Bibliografía

  • Barruso Barés, Pedro. El Movimiento Obrero en Guipúzcoa durante la II República. Organizaciones obreras y dinámica sindical (1931-1936). San Sebastián, 1996.
  • Barruso Barés, Pedro. Verano y Revolución. La Guerra Civil en Guipúzcoa. Donostia, 1996.
  • Egaña, Iñaki (Dir.). La Guerra Civil en Euskal Herria. 1936. T. VIII “Los Protagonistas de la Guerra”. Andoain, 2000.
  • Orejas Pérez, José Ignacio. Breve Historia del Sindicato de la Pesca de CNT “Avance Marino” de Trincherpe – Pasajes de San Pedro (Guipúzcoa). Periódico CNT, nºs 184 y 185, 1995.
  • Pereira, Dionisio. Capitalismo Pesquero y Sindicalismo en la España de Anteguerra: La Federación Nacional de Industria Pesquera. Revista Andaluza de Antropologñia, Nº 4, 2012.
  • Pereira, Dionisio. Loita de Clases e Represión Franquista no Mar (1864-1939). Vigo, 2010.
  • Pereira, Dionisio. El Trintxerpe Republicano: Génesis de la Denominada “Quinta Provincia Gallega”. Revista de Estudios Marítimos del País Vasco, nº5, pp. 737-743. Donosita, 2006.
  • Rivero Giraldez, Jesús. Crecimiento y Transformación del Sectro Pesquero Gallego (18880-1936),Serie Estudios. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Secretaría Técnica,1996.Xornais e publicacións da épocaEl Día
    La Constancia
    Avance Marino
    Anuario regional descriptivo, informativo y seleccionado de la industria, comercio, agricultura, profesiones, arte y turismo del Norte de España. 1932Arquivos

    Centro de Patrimonio Documental de Euzkadi (Irargi).
    Centro Documental de la Memoria Histórica (Salamanca)

    Outros

    http://www.gipuzkoa1936.com

Sergio Balchada

Anuncios