Etiquetas

, , ,

Don Fernando Ruiz de Castro contaba con 15 anos cando se viu na tesitura de auparse coma a cabeza da linaxe do Castro. Seu pai don Pedro Fernández de Castro O da Guerra, deixa escrito o seu testamento na vila de Allariz (Ourense) no 1337:
E faço meus herdeiros en todos meus herdamentos e bes que houber ho tempo da miña morte a ho dito meu fillo Fernán Ruiz, e hos outros meus fillos e fillas legitimas que houber, que partan os ditos meus herdamentos e bens hirmabelmente etc. E faço cumpridores deste meu testamento ha dita dona Isabel, miña muller, e don Juan do Campo, obispo de León, e Juan Fernández de Volaño. E hoabbade do mosteiro de Sobrado, e fray Lopo Affonso. Doutor, da orden dos pregadores. (Pardo de Guevara, 2000)

Castelo de Monforte de Lemos (fotografia en http://www.leyendasdecastillos.com)

Apenas seis anos despois,1343, falece no cerco de Xibraltar por mor dunha enfermidade. O seu fillo herdará tamén de su pai o título de Pertegueiro Maior da terra de Santiago. O troco de monarca no 1351 vai favorecer ao de Castro con novas mercedes reais. Tralo pasamento de Alfonso XI o seu sucesor Pedro I vai conceder ao galego o títulos de Mordomo Maior do Rei e Alférez Maior do reino. Non está claro en que intre o rei lle concedeu este títulos. Mentres algúns autores consideran que se deben ás prensións de don Fernando como veremos máis adiante; Pardo de Guevara expón que ambolos dous nomeamentos puideran quedar en suspenso pola minoría de idade de don Fernando de Castro, sendo Juan Núñez de Lara quen os detentase temporalmente ou quizais pola participación do galego na sedición contra o rei.
Semella que a boa sintonía có novo monarca augura un futuro interesante para Fernando de Castro. O 3 de xuño de 1353 acode a Valladolid onde se celebran os esponsais entre o rei e a nobre francesa Blanca de Borbón. Matrimonio efímero posto que aos dous dias do enlace Pedro I deixou de cohabitar coa súa esposa e mesmo voltará a contraer matrimonio apenas una ano despois cunha nobre galega: Juana de Castro. O bispo de Salamanca Juan Lucero oficiará a cerimonia na igrexa de San Martín de Cuellar (Segovia) en abril de 1354.

Pedro I de Castilla (Fotografia en https://conocemiciudad.com)

Fernando de Castro non acode ao enlace. Logo das celebracións do primeiro casamento do rei o señor de Lemos non se moveu das súas posesións galegas. De todolos xeitos non permanecu inactivo en todo este tempo. Na súa casa recibe aos caudillos dunha conxura que don Juan Alfonso de Alburquerque anda a artellar na contra do rei e na que tamén era cabeza visible o conde de Trastámara Henrique (futuro Henrique II O das Mercedes). A principal baza para sustentar e apresentar ideolóxicamente a rebelión é o perigo que para o reino trae consigo o abandono da lexítima raíña dona Blanca de Borbón. Aducen que non se garante a sucesión do trono sen un fillo nado do matrimonio. Estas razóns non semellan interesar a don Fernando, resta importancia ao feito e non se inclina pola causa dos rebeldes. Henrique de Trastámara sabedor do interese manifesto do señor de Lemos pola súa irmá dona Juana Alfonso ofrécelle a éste a man da dama se suma a súa espada á rebelión. O presente é sen dúbida moi tentador. Don Fernando non se deixa arrastrar pola paixón e antepón os seus intereses políticos tecidos o arredor de don Pedro I.
Ademais o casamento da súa irmá dona Juana có monarca ven consolidar as relacións coa coroa e as probables mercedes que este feito poida traer consigo. ¿Por qué embarcarse en aventuras de incerto desenlace?
Probablemente o comportamento do rei coa súa esposa don Juana, á que abandonou trala noite de vodas, fixo que a balanza da súa lealdade caese á beira dos rebeldes. Desta volta si aceptará a man da irmá do conde de Trastámara.
O capítulo da sedición de don Fernando de Castro ábrese coas famosas xornadas de Salvaterra de Miño (Pontevedra). O nobre galego síntese fondamente agraviado, considera o comportamento do rei unha grave ofensa ao seu honor. E o máis trascendental, unha mancha no honor do apelido.

Blasón dos Castro (Fotografia en https://es.wikipedia.org)

Don Fernando parte de Monforte de Lemos (Lugo) cara Monçao (Portugal) onde se apousenta xunto coa súa mesnada e permanece polo período de nove días.
…e cada día después de misa pasaba por el vado, e iba a Salvatierra, e allí delante de un notario público decía que se despedía e desnaturaba del rey don Pedro de Castilla e de León, porque sin ge lo merecer le quisiera matar en un torneo que se ficiera en Valladolid quando se casara; e otrosí por quanto deshonrara a doña Juana de Castro su hermana, e después la dejara e la escarnesciera: e cada día de los nueve días tomaba un testimonio…(López de Ayala, 1991).
Transcorridos estas xornadas o de Castro diríxese ao Barco de Valdeorras (Ourense) facendo escala na cidade de Ourense. En Valdeorras convoca aos seus vasalos.
E desque todos fueron juntos con él, partió dende, e fuese para Cacavelos: e de allí partió con setecientos e treinta de caballo, e mil e docientos omes de a pie, e fue para Ponferrada, que era de su hermana doña Juana de Castro, la que llamaban reyna de Castilla… (López de Ayala, 1991)
Unha vez reunido con Juan Alfonso de Alburquerque e con Henrique de Trastámara tratan de adherir outros nobres á súa causa e por outra banda tratan de presionar ao monarca para que se pregue aos seus requerimentos. Isto é que volte a cohabitar con dona Blanca de Borbón e de paso reparta cargos da administración rexia e demais mercedes entre eles en mans ata o momento dos familiares de María de Padilla, amante de don Pedro, aos que perciben coma intrusos dentro da elite da que eles mesmos forman parte.

Henrique de Trastámara (Fotografia en http://www.galeon.com)

A entrevista entre ambas partes ten lugar en Tejadillo. O rei promete repartir cargos e dádivas entre todos eles. Tamén asegura que fará chamar a dona Blanca ao seu carón. Días máis tarde os conxurados ao través da raíña nai dona María de Portugal entran en Toro e atraen a don Pedro que se atopaba en Uruñea (Valladolid), e o reteñen contra a súa vontade. Alomenos conseguen que éste reparta as prebendas prometidas. Ao de Castro nomeao Mordomo Maior.
Don Fernando de Castro reclama entón ao conde de Trastámara a man da súa irmá dona Juana Alfonso e as nupcias celébranse deseguida en Toro ante o disgusto do rei posto que via como un dos nobres máis poderosos do reino estreitaba lazos co seu maior inimigo. Os recen casados abandoan Toro, don Fernando sen sequera render obediencia ao rei coma si fixo o seu irmán Alvar Pérez de Castro. Don Fernando coñecía a disconformidade do rei perante o seu casamento pero puido máis o amor e o desexo sobre outras consideracións.
Estes feitos foron un capítulo máis do tempestuosos reinado de don Pedro I e por suposto da relación entre éste e o magnate galego que corridos os anos voltaría á profesar inquebrantable lealdade ao rei ata moito trempo despois da morte do monarca, e mesmo anularía o matrimonio con don Juana. Pero esa xa é outra historia.

FUENTES

  • García Oro, José, Galicia na Baixa Idade Media: Igrexa, Señorío e Nobreza, A Coruña, 1999.
  • López de Ayala, Pero, Crónicas, Barcelona, 1991.
  • Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Tenentes y Condes de Lemos en la Edad Media, Colección Galicia Histórica, Fundación Barrié de la Maza, Tomo I, A Coruña, 2000.
  • Sánchez, M.; Valdeón, J.; Martín J.L., Pedro I el Cruel, Historia 16, nº 190, Madrid, 1985.

Sergio Balchada

Anuncios