Etiquetas

, , ,

Ás veces a liña que separa a historia do mito resulta case que imperceptibel có devagar dos séculos; distinguir ambolos dous conceptos, chegado o intre, non é unha tarefa sinxela debido á imbricación existente entre o que foi en realidade e aquilo que a tradición popular nos legou.
Precisamente esta situación apreséntase na historia que queremos descobrer nestas liñas e que ten coma protagonista á nobre galega Inés de Castro, inspiradora de múltiples novelas, obras de teatro e dos máis románticos cantares debido á historia de amor habida có infante portugués don Pedro, futuro rei Pedro I de Portugal.


Inés de Castro era filla natural do poderoso nobre galego Pedro Fernández de Castro O da guerra e da nobre portuguesa Aldonza Lorenzo de Valladares, filla do que fora aio de seu amante. Froito desta relación tamén naceu Alvar Pérez de Castro, ao igual que a súa irmá tecerá seu futuro no reino luso.
Pasa parte da súa infancia na ourensá comarca de A Limia para logo do pasamento da súa nai exercer coma dama de compaña de dona Constanza Manuel, filla do infante don Juan Manuel famoso por ser autor do Libro de los enxiemplos del Conde Lucanor et de Patronio. Inés reside no castelo de Peñafiel (Valladolid) arrodeada da cohorte de músicos e poetas dos que gostaba o nobre . Constanza é prometida ao herdeiro portugués don Pedro e finalmente casan por poderes, uns anos despois, arredor do 1340 a nosa protagonista forma parte da comitiva da noiva a cal acode ao reino veciño a coñecer ao seu esposo e ao fin facer vida coniugal.

Castelo de Peñafiel (Valladolid)

Castelo de Peñafiel (Valladolid)

As damas son recibidas pola corte de Alfonso IV con todo tipo de atencións e parabéns, é entón cando o príncipe Pedro queda prendado da dama galega. E non debeu ser para menos posto que as crónicas da época descreben á galega coma unha muller de grande beleza que lle fixo gañar o alcume de Cuello de Garza. Foi tamén posuidora dunha fermosura arrebatadora a súa medio irmá Juana de Castro e burlas do destiño enlazou con outro Pedro, desta vez de Castela, historia cun desenlace nada lisonxeiro coma xa puidemos ver nun artigo anterior (https://elgajedeloficio.wordpress.com/2016/12/09/juana-de-castro-la-desamada-reina-por-una-noche/).
Coma non pode ser doutro xeito o príncipe e a dama galega convértense en amantes. A relación entre ambolos dous mozos non é para nada segreda, nos mentideiros da corte son a principal conversa dos cortesáns e obviamente o rei a maila esposa do príncipe están ao tanto dos encontros dos namorados. Farta deste situación Constanza Manuel encinta de novo debuxa unha manobra có obxecto de separar aos amantes, esta consiste en nomear a Inés madriña do seu novo vástago para deste xeito vincular a súa dama de compaña á familia dun modo espiritual, a ollos de Deus a relación establecida entre pedro e Inés sería case que sacrílega. Non tivo fortuna a despeitada, ao pouco de nacer o neno falece e o citado vínculo desintégrase có derradeiro alento da criaturiña.
Deseperada recebe a inesperada axuda do seu sogro o rei Alfonso, molesto có ruxe ruxe da corte desterra á galega de seu reino coa esperanza de que a distancia actue coma apaga lumes, corre o ano 1344. Esta nova manobra tampouco consegue o resultado desexado posto que Inés de Castro fixa a súa residencia no castelo de Alburquerque (Badaxoz) moi preto da raia entre Castela e Portugal. A pesares da distancia o amor entre ambolos dous namorados vai medrando, establecen un fluxo epistolar contínuo. Un ano despois Constanza falece parece que xa nada obstaculiza os desexos dos namorados. Inés regresa a Portugal e establécense en Coimbra. Comezan uns anos doces para ambos froitos dos cuais resultan catro fillos. Estes vástagos deseguida van a preocupar fondamente ao monarca luso.

Coimbra (Fotografía en www.civitatis.com)

Coimbra (Fotografía en http://www.civitatis.com)

E precisamente Alfonso IV vai erixirse coma o máis temible inimigo da de Castro, na súa cabeza vai ir xermolando a desconfianza sobre a galega; dubida das súas verdadeiras intencións; teme a influencia que ten acadado sobre a vontade de seu fillo e teme sobretodo aos irmáns de Inés: Alvar Pérez de Castro e Fernán Ruiz de Castro. Pensa o monarca na posibilidade de que Inés pretenda sentar no seu trono a un dos seus fillos en detrimento do herdeiro lexítimo Fernando (fillo de Constanza); o apoio do poderoso nobre galego Fernán Ruiz de Castro, neses intres enfrontado ao seu rei Pedro I de Castela; pode resultar crucial e embarcar á coroa nunha inestabilidade e loitas internas que para nada lle son beneficiosas, Doutra banda o achegamento dos Castro ao prínci`pe luso ben pode ambicionar axuda militar na contra do rei castelán e a velada promesa de ceñir a Pedro de Portugal a coroa de Castela.
Matina Alfonso IV, matina nestas variables alentado polas verbas destiladas nos seus oídos de tres dos seus conselleiros; aqueles que ven aos Castro coma unha ameaza para a supervivencia do reino: Álvaro Gonçalves, Pedro Coelho e Diogo Lópes Pacheco. Téñeno claro, a solución ás cuitas que rouban o sono ao seu rei pasa pola morte de Inés de Castro. Convencer ao rei e planexar o asasinato non lles leva moito tempo.
Aproveitan a ausencia o infante don Pedro os tres confabuladores apreséntase no pazo onde convive coa galega, dona Inés non ten escapatoria e sen ápice de piedade a degolan. Posteriormente trasladan o cadáver ao anexo mosteiro de Santa Clara onde a enterran; é o 7 de xaneiro de 1355.
A resposta do seu amado non se fai agardar, arremete con dureza contra seu pai e xura vingarse dos tres cortesáns os cuais aconsellados polo rei poñen terra de por medio e refúxianse en Castela. Considera que compete falar ás espadas polo que se pon á fronte dun pequeño exército para enfrontarse a o seu proxenitor. A mediación da nai do infante logra que cesen as hostilidades no verán dese mesmo ano.
O pasamento de Alfonso IV en 1357 propicia o troco de rei e Pedro ascende ao trono coma Pedro I. Deseguida desvela que no 1354 tiña contraído segredamente nupcias con Inés de Castro e da orde de capturar aos seus asasinos. No 1360 traslada o corpo da galega ao mosteiro de Alcobaça, alí contrue un mausoleo propio dunha raíña onde os mestres canteiros esculpen unha figura da mulleer tocada cunha coroa.

Sepulcro de Inés de Castro (fotografía de http://museofunerario.blogspot.com.es)

Sepulcro de Inés de Castro (fotografía de http://museofunerario.blogspot.com.es)

A historia, ou a lenda, non remata aquí; segundo se conta don Pedro sentou ao seu carón no trono o cadáver da súa amada. Engalanada cunha coroa obrigou á corte a bicarlle a man e a rendirlle preitesía coma habitualmente se faría coa lexítima raíña. Hai quen vai máis alá e afirma que dous dos nobres que tiñan partcipado da morte da raíña dona Inés: Álvaro Gonçalves e Pedro Coelho foron torturados na presenza do rei e extirpado o corazón, quizais coma unha metáfora aludindo ao que lle despoxaran a el mesmo aquel xaneiro de 1355.

Fontes

  • García Oro. José, Galicia na Baixa Idade Media. Igrexa, Señorío e Nobreza, Ed. Toxosoutos, 1999.
  • López de Ayala, Pero. Crónicas, Ed. Planeta, 1991
  • Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo. Los Señores de Galicia. Tenentes y Condes de Lemos en la Edad Media. Fundación Barrié de la Mza, 2000.
  • Rodrigo, Belén. Inés de Castro, Reina después de Muerta, Xornal ABC, 14/07/2013.

Sergio Balchada

Anuncios