Etiquetas

, , ,

Unha das peculiaridades seculares coa que o campesinado galego conviviu ao longo da súa historia, ate principios do pasado século, é o contrato foral.

Trátase dun sistema contractual de arrendamento da terra que principia a súa andaina a mediados do século XII e que será abolido no 1926. O foro é unha entidade peculiar galaica, aínda que tamén atopámos en áreas da provincia de Girona un réxime moi semellante ao galego,

O foro nace na Idade Media, é un tipo de contrato de arrendamento da terra enfiteutico, é dicir, o dono directo ( concedente) da parcela cede o dominio útil ao arrendatario (concesionario) que está obrigado a pagar unha renda anual que xa ven estipulada no intre no que se negocia e firma o contrato. Tando un coma outro están suxeitos a unha serie de obrigas ineludibles. O concedente debe ceder o ben; percibir unha renda por dito arrendamento; recuperar a parcela de terra unha vez finalizado o contrato e percibir o laudemio; isto é, se o concesionario vende os seus dereitos sobre a propiedade arrendada ten que pagar unha porcentaxe estipulada por este traspaso.

Pazo de Castrelos ou Lavandeira (Vigo, Pontevedra)

Pazo de Castrelos ou Lavandeira (Vigo, Pontevedra)

Pola súa banda o concesionaro ten que coidar e mellorar a devandita propiedade; abonar a renda acordada; informar do posible traspaso a outro titular e devolver a parcela de terra unha vez rematado o arrendamento, percibindo certa cantidade de cartos polas melloras que pudiera ter feito. Tamén estaba forzado a satisfacer a luctuosa: Especie de imposto consistente en ceder unha porcentaxe da herdade percibida polo pasamento do cabeza de familia ao dono directo da terra.

O foro beneficiaba amplamento ao campesinado, permitíalle desfrutar da terra durante longos períodos de tempo que podían chegar a alcanzar a varias xeracións duna mesma familia asegurando o traspaso dos dereitos de pais a fillos. Os grandes propietarios da terra, Aristocracia e Igrexa , somentes tiña que preocuparse do cobro das rendas e da renovación dos contratos. A duración destes foi trocando segundo imos avanzando ao longo da Historia; así no século XIV a duración era de tres voces; isto é, tres xeracións do mesmo núcleo familiar. Alá polo XVII cambiou o concepto pola vida de tres reis, noción moito máis clara para as xentes da época fartos coñecedores das sucesivas mortes e coroamentos dos monarcas.

Nalgúns casos este xeito de contar o tempo de vixencia do contrato aparece mencionado baixo a fórmula de 29 anos, nun senso xurídico se un labrego desfruta do uso da terra por un período de 30 anos pasa a ser por dereito pleno propietario do terreo arrendado. Deste xeito esquívase esta lei e ademáis o dono real dispón de tempo para renovar o contrato sen o perigo de perder a propiedade.

Outra vantaxe para o labrego galego atoppámola en que non pode ser enaxenado da terra mentres dura o contrato asinado e tampouco pode ver elevado o prezo da renda; isto vese anulado se non abona a devandita renda anual, o laudemio ou a luctuosa.

O foro trae consigo a nacemento durante o século XVI duna nova clase social consustancial a súa existencia. Durante a Baixa Idade Media o proceso centralizador posto en marcha polos Reis Católicos; a alta nobreza galega que andivera á grea entre si e logo unha parte se rebelara contra os reis casteláns, van paseniñamente alonxándose dos seus solares galegos para establecerse ao carón da corte. Dende este “exilio” continúan cobrando as rendas que lles corresponden a través duns intermediarios que darán pe a esta nova clase social da que falabamos: A fidalguía.

Unha sorte de baixa nobreza apegada á terra que vai reaforando as terras desta aristocracia e vai vivindo das rendas percibidas, nace así o subforo. Paseniñamente van gañando preeminecia no agro galego e relevando á aristocracia tradicional nos cargos de dirección da sociedade.

Horreo do mosteiro de Poio (Pontevedra)

Horreo do mosteiro de Poio (Pontevedra)

Outra peza a ter en conta é a Igrexa. A institución eclesiástica vai dar comezo a unha loita coa idea de derogar a figura do Foro coma ata o momento viña funcionando, aluden que perxudica grandemente a administración dos seus bens

Así no século XVII as ordes Benedictina e Cisterciense, perden a súa secular autonomía e pasan a ser xestionadas por unha congregación sita en Castela que quere imponer novas directrices no asunto en detrimento do campesiñado. O primeiro paso que dan é o de eliminar o Foro e reclamar a propiedade da terra unha vez rematado o contarto, para iso expulsan aos concesionarios e tamén aos intermediarios, é dicir, á fidalguía. O seguinte paso que pretenden imponer é un novo arrendamento durante un período moito máis curto e a un prezo máis elevado. Para asegurar que as cousas vaian polos vieiros que eles queren, envían abades foráneas para que collan as rendas dos mosteiros e así suprimir ao mesmo tempo aqueles lazos e vinculacións familiares existentes entre os abades da terra e a súa linaxe que actuaba de intermediaria na maioría dos casos.

A fidalguía non se deixou asoballar, temía pola súa efectiva desaparición e por iso reaccionou contra estes novos pulos ao tempo que os labregos que contemplaba a fin dun sistema que lles era fondamente beneficioso.

Esta tenaz resistencia recolleu o seu froito mediante un decreto do mesmo Carlos III no ano 1763 que foi protexer o Foro xuridicamente considerando os arrendamentos perpetuos. O monarca viuse influenciado polas teses do avogado galego Salgado de Somoza que defendían que as melloras efectuadas na terra aforada permitían en moitos casos preparar para o cultivo moitas destas parcelas có conseguinte beneficio para a economía. O traballo e o sudor do campesiñado fixo posible que produciran.

A situación vai tornar debido á Desamortización de Mendizábal no 1845, a burguesía urbana lánzase á merca masiva dos dereitos forais dos numeroso lotes de terras monacais para deste xeito enriquecerse dun modo sinxelo e rápido. A cousa saiulles torcida xa que non podían alterar de ningún xeito os foros acordados entre o labrego e os mosteiros. Agora o campesiño ve a súa oportunidade, comeza a posuir uns poucos aforros e pretende derogar o Foro para facerse propietario da terra que traballa. Nacen así a primeiros do século XX aqueles movementos encamiñados a conquerir esta meta: O Agrarismo.

Será unha lei promulgada por Miguel Primo de Rivera no 1926 a que acabe definitivamente có Foro, dita lei obriga a todolos propietarios a vender os seus dereitos sobre a terra aos campesinos para que ao fin este poidan traballar a súa propia terra.

Ao longo dos séculos asistimos en Galicia a un sistema de tenencia da terra que foi marcando fondamente a historia do campesiñado galego e as súas relacións e apego coa terra. Pero tamén o Foro, coma pervivencia medieval, coma algo quizais anacrónico fora desta época; foi un dos causantes do atraso do agro galego con respecto a outras zonas do Estado ou mesmo de Europa.

Sergio Balchada

Anuncios