Etiquetas

, , ,

Xoan Fernández de Andeyro foi unha sinalada personaxe protagonista dos derradeiros coletazos do petrismo; firme antitrastamarista cando os feitos acaecidos en Montiel xa permanecían relegados á memoria duns cantos cabaleiros desexosos de ver cumprida a vinganza a tamaño agravio. Mais Andeyro non acertou a separar debidamente, utilizando unha expresión de sobra anacrónica, os negocios do pracer: O rei vase e a rainha (Fernando I e Leonor de Portugal) viña pasar horas esquecidas a sós co amante. Este desliz conduciríao a súa tráxica morte. O apelido Andeyro orixinario de Cambre (A Coruña) deseguida extenderase pola xeografía galega, para máis tarde e na figura de Xoan Fernández, conde de Andeyro, pasa a Portugal. O referido Xoan Fernández foi a personalidade máis salientable desta linaxe; de vida tumultuosa e final tráxico vinculouse dende un principio á bandeira petrista na guerra civil que asolaría Castela entre 1366-69.

A primeira mención sobre él atopámola entre os nobres que se achegan ao castelo de Monterrey (Verín, Ourense) para reunirse có rei Pedro I que atravesara Portugal fuxindo das tropas de su medio irmán. Descoñecemos se loitou posteriormente na batalla de Náxera (A Rioxa), anque é moi probable porque a nobreza que aínda gardaba lealdade por don Pedro I acodeu presta ao lugar; tamén se descoñece si presenciou en Montiel o fatídico final do seu señor, aínda que é moi posible que non se atopase alí. A segunda mención que atopamos sobre Xoan de Andeyro remítenos á invasión portuguesa de terras galegas tralo ascenso ao trono de Henrique II de Trastámara. O conde galego abriralle ás portas de A Coruña ao exército luso; para a historia quedarán as verbas do nobre galego dende os muros da cidade herculina: Hu ven aquí o meu señor, el señor el rey Don Fernando. Derrotados os portugueses o de Andeyro vese na obriga de refuxiarse no reino veciño dende o que parte cara Inglaterra en 1371. Inicia entón unha intensa campaña de embaixadas entre ámbolos dous reinos có obxectivo de chimpar do trono castelán a Henrique II. A faísca que acende de novo o lume petrista será  o casamento entre Xoan de Gante, duque de Lancaster, e dona Constanza; filla do malogrado Pedro I de Castela e María de Padilla en setembro dese mesmo ano. Cun novo rei lexítimo á cabeza a súa causa recibe un importante pulo que aglutina con renovadas forzas aos vellos descontentos. A excusa está servida.

Juan de Gante, Duque de Lancaster. (Fotografía de http://es.wikipedia.org/wiki/Juan_de_Gante)

Juan de Gante, Duque de Lancaster. (Fotografía de http://es.wikipedia.org/wiki/Juan_de_Gante)

Deseguida Xoan de Andeyro comeza un duro traballo de embaixadas que o manterán ocupado durante dez longos anos con diferentes estadías en Portugal e Inglaterra. Axudalle sobremaneira o feito de que Xoan de Gante o teña en alta estima ao igual que o rei luso, quizais influenciado pola súa esposa amante do conde galego. Dende os primeiros contactos có duque inglés xermola a idea de organizar unha expedición militar que cobiza derrocar ao monarca castelán para entronar coma novo rei ao duque de Gante lexitimado tralo seu matrimonio. En maio de 1372 o galego regresa a Portugal en calidade de mediador dun “monarca reinante”. Nace deste xeito a alianza anglo-lusa na que os ingleses, dispostos a atacar en breve Castela ou Aragón, requerían o apoio militar dos portugueses; ademais non firmarían ningún tipo de capitulación sen que ambalas dúas partes se consultaran previamente. A empresa comeza a torcerse cando a impaciencia de Fernando I “O Formoso” empurrao a ocupar algunhas prazas que se vira forzado a entregar a castela na paz de Alçoutim el año anterior. Pola súa parte o continxente armado inglés parte na primavera de 1373 de Calais; as novas da súa partida chegan a Castela axiña e moita da nobreza que apoia ao Trastámara temerosa do exército inglés comezan unha intensa propaganda en prol do duque de Lancaster. Pero este grandioso exército no que cabalgaba Xoan de Andeyro non chega a pisar solo castelán; unha mistura entre a ineficacia do seu líder e a eficacia da defensa pasiva do monarca francés Carlos V, aliado de Henrique II dende os tempos no que éste pretendía o trono do seu medio irmán; converten a aventura anglosaxona nun desastre de enormes proporcións. Fernando I “O Formoso” vese na obriga da pocura de chegar a un acordo co seu veciño e acepta renderse no tratado de Santarem (24 de marzal de 1373). Nunha das clausulas firmadas esíxelle a expulsión de contado dos petristas amparados no seu reino.

Os dous Xoans, Gante e Andeyo, non se renden fácilmente e persisten no seu empeño a pesares dos atrancos que  apropia corte inglesa interpon e finalmente sáense coa súa no 1379. Ese mesmo ano falece Henrique II que é sucedido polo seu fillo Xoan I; a casa Lancaster ve novamente unha oportunidade ao alcance da man e unha volta máis Andeyro, nomeado por Ricardo II o 23 de maio de 1380 embaixador inglés con poderes para negociares cos portugueses unha nova alianza na contra de Castela. O tratado péchase co casamento da infanta portuguesa Beatriz e Eduardo, primoxénito do conde de Cambridge. Pasado un tempo combatendo en Francia desembarca cun pequeño destacamente en terras lusas e xa nunca máis as abandonaría. Outro tipo de mesteres o manteñen ocupado en exceso, tanto que mesmo esqueceu o seu principal cometido. Por todos é sabido a súa preeminencia na corte portuguesa e mesmo é agasallado có condado de Ourem; en virtude da estreita relación que o une coa raíña Leonor. Amoríos que comezan na estadía do emisario no castelo de Estremoz: O rei recolheuno na torre do seu paço de Extremos. O rei íase e a raíña viña pasar horas esquecidas a sós co amante.   A súa crecente importancia dentro da corte vaille granxear importantes inimigos entre os nobres próximos ao monarca en especial ao mestre de Avís.  Vían no conde galego a un advenedizo pretendente da coroa portuguesa. E os seus temores vanse ver confirmados tralo pasamento de “O Formoso”; dona Leonor pretende agora un achegamento a Castela coa intención da unión de ambas coroas na súa filla. O mestre de Avís e a alta nobreza interpretano como o resultado da negativa influencia de Xoan de Andeyro que axiña ía contraer nupcias coa raíña. Xoan de Andeyro foi asasinado, segundo as crónicas da época foron as propias mans do mestre de Avís as que executaron ao galego

Fernando I "O Formoso" (Fotografía de http://www.tiki-toki.com/timeline/entry/138782/1-Dinastia/)

Fernando I “O Formoso”
(Fotografía de http://www.tiki-toki.com/timeline/entry/138782/1-Dinastia/)

O lexitimismo petrista galego morría ese día en terras portuguesas, terras que por outra banda ampararon con esmero as ansias de vinganza das dúcias de cabaleiros casteláns e galegos que procuraron refuxio no seu seo logo da morte do seu señor Pedro I. Para algúns autores Xoan Fernández de Andeyro non foi maís que un dos centos de aventureiros que acrecentaron a gloria persoal e a fortuna á sombra da guerra dos Cen Anos. Personase oportunista que da noite a mañán foi capaz de trocar as súas lealdades. En troques Froissart descríbeo coma hombre prudente, valeroso y gran negociador. A labor diplomática mantivoo ocupado boa parte do seu exilio; pero os derroteiros que a súa vida tomou conducírono invariablemente ao tráxico final que coñecemos. Foron a ambición e a paixón  que o unía a Leonor de Portugal o que o empurraron a non vislumbrar as posibles consecuencias que lle reportaron. O caso é que coa morte de Andeyro tamén morreron as preocupacións da corte castelá e a aventura peninsular do duque de Lancaster.

BIBLIOGRAFÍA

–         Baquero Moreno, Humberto (coor.), Historia de Portugal medievo. Político e institucional, Lisboa, 1995. –         Carré, Leandro. Gallegos en la corte de Portugal a través de las letras lusitanas, en Boletín de la Real Academia Gallega, tomo XII, Pags. 375-82, 1943. –         Murguía, Manuel, Galicia, Barcelona, 1981. –         Rusell, P. E., Juan Fernández de Andeyro en la corte de Juan de Lancaster (1371-1381), en Boletín de la Real Academia Gallega, Tomo XXIII, 1943.

Sergio Balchada

Anuncios